Ingresan en prisión os tres integrantes dunha banda que asaltaba domicilios
Os tres homes detidos o pasado venres na Coruña no marco da denominada ‘Operación Raposo’ acusados de formar parte dun grupo organizado dedicado ao asalto de vivendas ingresaron en prisión este domingo, segundo informaron fontes da Garda Civil.
En concreto, a detención produciuse xusto despois de que os agora detidos entrasen a roubar nunha casa situada nas proximidades do Monte Xalo, e, tras unha persecución, foron interceptados e detidos na cidade herculina.
Unha vez inmobilizados os tres varóns, dous albaneses e un español, os gardas puideron descubrir que dentro da furgoneta que empregaban había diversas xoias, diñeiro e material informático, froito do roubo que acababan de cometer, ademais de roupas e ferramentas “para levar a cabo os seus delitos”, explicou o Instituto Armado.
Os albaneses estiveron implicados noutra operación, tamén levada a cabo pola Garda Civil no mes de maio do pasado ano, a ‘Operación Blondie’. En aquela ocasión imputáraselle ao grupo, do que formaban parte, 19 roubos en domicilios. O outro dos detidos, o español, conta con diversos antecedentes policiais e “é grande coñecedor da zona pola que se movían”, engade a Garda Civil.
Con esta detención, os responsables do operativo están “convencidos” de que ao os localizar con “tanta présa”, posiblemente “se evitara unha importante ondada de roubos en vivendas da área metropolitana da Coruña”.











