Información sobre a rotura na rede xeral de Emalcsa
A rotura na rede xeral de EMALCSA, que abastece á cidade e contorna, producida onte na antiga condución DN 800 de formigón, á altura da avenida de Ribados do Burgo, quedou reparada finalmente ao mediodía de hoxe. Os traballos de Emalcsa prolongáronse máis horas do previsto, dado que onte comunicaba ao Concello que estaría arranxada durante a noite.
Esta situación fixo que se deixase de ter auga na toma do depósito da Corveira. Os depósitos de Monte Alfeirán e Rosalía de Castro estaban cheos no momento da rotura, polo que a empresa concesionaria do servizo puido abastecer así á zona urbana do Concello. No entanto, ao alargarse a reparación, o depósito do monte Alfeirán chegaba a un nivel escaso ao mediodía, procedéndose agora ao seu enchido. Isto implica posibles problemas de presión ou subministración en pisos altos de Vilaboa.
Ademais, resultado das obras, pódense orixinar problemas de turbidez na auga, na zona urbana do municipio (O Burgo, Acea de Ama, Fonteculler, As Brañas e parte baixa de Vilaboa).