Igualdade programa en Ferrol dous novos cursos de relaxación e de defensa persoal
A concelleira de Igualdade do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez, informou hoxe sobre dúas novas actividades dirixidas á muller que organiza o Concello de Ferrol: o curso titulado “Respírate, Reláxate … ¡E Sorrí!”, e o obradoiro “Técnicas de defensa persoal para corpo e mente”. Estas dúas novas ofertas da programación municipal de Igualdade son tamén gratuítas -ao igual que o resto de actividades que desenvolve Igualdade- e terán lugar nas instalacións da Casa da Muller –rúa Lugo, 56. Baixo-.
O prazo de inscrición para estas clases estará aberto a partir da xornada de mañá venres –día 28- e até o vindeiro día 5 de abril. O lugar para anotarse é o Rexistro Xeral do Concello de Ferrol, situado na primeira planta da Casa Consistorial. O número de prazas en cada un destes cursos é de 15 persoas.
En canto ao contido da actividade “Repira, Reláxate … ¡E Sorrí!” , esta terá unha duración de 9 horas. As clases están fixadas para os mércores en horario de 11.20 a 12.30 horas; e o obxectivo deste obradoiro é a aprendizaxe de técnicas de relaxación; e reducir a ansiedade, ampliar a capacidade de atención, concentración e dominio das emocións. A edil Casal Míguez tamén destacou o feito de que estas clases “permitirá ás participantes asistir a unha actividade en grupo onde se compartirán experiencias positivas e se fomentará o traballo en equipo e a integración”.
Ao respecto do obradoiro en “Técnicas de defensa persoal para corpo e mente”, este ten unha duración total de 17 horas; e impartirase os martes –en horario de 18.30 a 19.30 horas; e os xoves, en horario de 19.30 a 20.30 horas. A finalidade desta actividade é aumentar as capacidades físicas (resistencia, forza, equilibrio …) , mentais (atención, control, disciplina …) e afectivas (motivación, autoestima, seguridade …) dos participantes. Tamén se aprenderán desde a experiencia práctica técnicas de defensa persoal efectivas. Os requisitos para anotarse son non ter máis de 55 anos de idade, e non estar afectada por ningunha lesión grave ou enfermidade que limite o movemento, xa que será necesario poder realizar exercicios de certa intensidade.
Máis información
As persoas interesadas en obter máis información sobre estes dous novos obradoiros da Concellería de Igualdade do Concello de Ferrol que se celebrarán na Casa da Muller, poden facelo chamando ao número de teléfono: 981 944 240 – 981 944 124; na web http://www.ferrol.es/casdamuller; e no enderezo electrónico: casadamuller@ferrol.es. Tamén poden informarse nas propias dependencias municipais da Casa da Muller, situadas na rúa Lugo, número 56. Baixo (barrio da Magdalena).











