Hostalaría Compostela solicita ao Concello o seu proxecto da nave 5 do Mercado de Abastos
O colectivo empresarial denuncia o incumprimento sistemático do programa electoral do PP de Santiago e dos sucesivos compromisos adquiridos co sector hostaleiro para desenvolver un ambicioso proxecto para a desestacionalización turística da cidade a través da promoción gastronómica. Os presidentes de Hostalaría Compostela esixen coñecer o “suposto proxecto inicial e os criterios técnicos en base aos cales se descartou o noso proxecto”, unha proposta elaborada por un equipo multidisciplinar e que en todo momento foi acordada co Concello, buscando a dinamización comercial e cultural da cidade, favorecendo a desestacionalización turística co desenvolvemento dunha programación gastronómica anual ao redor dos produtos do mercado.
Os presidentes de Hostalaría Compostela acaban de presentar un escrito ao Concello no solicitan coñecer o expediente administrativo e o proxecto previsto para a nave 5. Dada a situación que vive o Concello e a sensibilidade da zona de actuación, Otero e Xordo demandan a paralización dunhas obras custeadas con diñeiro público e encamiñadas a facer uns locais de hostalaría nun espazo de titularidade pública, para desenvolver unha proposta que só beneficiarían a media ducia de empresarios fronte a un proxecto que ten como obxectivo converter a Santiago na capital gastronómica de Galicia.
Fronte a un proxecto que se descoñece, Hostalaría Compostela presentou unha proposta ambiciosa e innovadora que foi apoiada polos principais grupos gastronómicos de Galicia, Grupo Nove, Galicia Gourmand, Xantares e Gallaecia, e que foi defendida como a mellor para a cidade polos principais colectivos, Cámara de Comercio, Fundación Catedral de Santiago, Fundación Santiago Centro, Foro de Directores de Hotel de Santiago e Comarca e Colexio de Arquitectos de Galicia.
José Manuel Otero e Jesús Xordo denuncian a situación de indefensión dun colectivo que investiu moito tempo, diñeiro e esforzo no desenvolvemento dun proxecto gastronómico innovador e ambicioso, seguindo en todo momento as instrucións do Concello e da Praza, e os sucesivos incumprimentos dos compromisos adquiridos por parte de Reyes Leis co sector empresarial. Ademais de incumprir o propio programa electoral co que lle PP gañou as pasadas eleccións locais, no cal se inclúe o proxecto de Hostalaría Compostela para o Mercado de Abastos, o colectivo empresarial quere deixar claro que a decisión de deixar que o Fórum Gastronómico fósese para A Coruña foi negociada co Concello a condición de destinar eses recursos ao desenvolvemento dun proxecto gastronómico dinamizador para desenvolver unha potente programación gastronómica anual centrada no produto do mercado.
Desde Hostalaría Compostela denuncian que en varias reunións, anteriores á elaboración da proposta rexeitada, xa se acordou o prezo de aluguer da nave 5 e a necesidade de elaborar un anteproxecto o máis completo, claro e concreto posible. Este anteproxecto, cuxos enlaces anexamos para que poidades consultar, foi presentado aos placeiros e ao Concello, quedando emprazados a unha nova reunión para analizar as súas propostas, aínda que esta reunión xa non se celebrou despois de recibir o escrito de Reyes Leis que vai en documento anexo, xunto ao escrito presentado polos presidentes a semana pasada no Concello e que aínda non foi respondido.











