“Hansa” e “Salao” vencedores do VII Trofeo Ricardo Castro no Real Club Náutico da Coruña
O pasado fin de semana, o Real Club Náutico da Coruña celebrou a última xornada do VII TROFEO RICARDO CASTRO para a clase Cruceiro, e o Acto III das series de inverno para J80.
Na xornada do sábado, os J80s puideron completar 2 percorridos tipo barlovento-sotavento cunhas durísimas condicións meteorolóxicas, con vento duro e racheado do oeste–noroeste, choiva, frío e mar de fondo de 2.5 metros de onda, que puxeron a proba aos regatistas e o material, sendo a primeira baixa da xornada o “Meltemi” de Guillermo Branco que tras a primeira proba tíñase que retirar pola rotura do Spinnaker. Boa xornada para o “Mariña Coruña” patroneado por Pablo Martínez, que se impuxo nas dúas probas celebradas, por diante do “Biba” de Manuel Rego, en terceira posición finalizaría o “Miúdo” de Carlos López. A vitoria no Acto III destas series de inverno sería para o “Biba” por diante do “Mariña Coruña” e do “Miúdo”. Na xeral das Series de Inverno, Actos I, II e III o vencedor sería tamén o “Biba” con 35 puntos, segundo clasificado o “Miúdo” con 55.5 puntos, e en terceira posición o “Mariña Coruña” de Ferreiro-Tourón-Etcheverría con 58 puntos.
Na xornada do domingo, a saída atrasouse 1 hora pola inestabilidade das condicións meteorolóxicas, cun vento que non alcanzaba os 5 nós, e un forte mar de fondo de 3 metros. Ás 14.00 horas aumentou lixeiramente a presión do vento e estableceuse de dirección noroeste, podendo darse a saída da proba; o Comité de Regata preparou un percorrido barlovento-sotavento de 6 millas náuticas, con 2 cinguidas e 2 empopadas, no interior da bahía coruñesa entre as balizas da “Guisanda” e o “Chinés”. Boa saída do “Zóspiro” de Guillermo Branco que se mantivo na cabeza da flota loitando pola vitoria coas unidades de maior eslora. A parte máis complicada da regata foron sen dúbida as empopadas, onde as tripulacións tiñan demostrar toda a súa pericia para compensar o vento frouxo co forte mar de fondo tamén de popa, marcando as diferenzas a pericia dos patróns.
En clase 0-2 vitoria do “Salseiro” de Manuel Branco, por diante do “Hansa” de Julián Ojea e do “Araucaria” de Joaquín Cobelo. A xeral do Trofeo tras a disputa de 3 xornadas sería para o “Hansa” con 7 puntos, por diante do “Gómez” de Andrés Soto con 10 puntos e do “Salseiro” de Manuel Branco con 11 puntos.
En clase 3, vitoria incontestable do “Zóspiro” de Guillermo Branco, que se impuxo na proba do día ao “Salao” de David Rivero, sendo terceiro o “Patacón” de José Ubago Jr. Na clasificación xeral do Trofeo o vencedor foi o “Salao” de David Rivero con 4 puntos (1-1-2), segundo clasificado o “Patacón” con 7 puntos (2-2-3) e terceiro o Zóspiro con 8 puntos (3-4-1).











