Gran éxito de participación no Entroido infantil de Soutomaior que contou con máis de 500 persoas

Entroido en Soutomaior
Máis de 500 veciños e veciñas acudiron onte ao tradicional Entroido Infantil do Concello de Soutomaior. O pavillón municipal da Montesiña permitiu que o mal tempo non embazase a celebración e foi o escenario perfecto para os xogos e bailes dos pequenos, que puideron gozar dunha tarde de festa na que non faltaron os talleres de máscaras, monicreques e adornos de lapis ademais das atraccións inchables e a animación musical.
Piratas, princesas, ninjas e vaqueiros comezaron a chegar ao pavillón da Montesiña ao redor do cinco da tarde. Nada máis entrar e ser recibidos polo speaker da festa, a reacción máis normal dos nenos era soltar a man dos seus pais e comezar a correr cara ás atraccións para unirse aos seus amigos. Á súa disposición había toda clase de actividades, desde tres castelos inchables nos que os nenos corrían e saltaban, até os talleres onde realizaban máscaras de entroido, monicreques ou adornos para os seus lapis do colexio. Todo iso animado de fondo con temas musicais infantís de toda a vida.
Ao seis da tarde comezou o prato forte, a actuación do grupo de animación wwww.animar-t.com. A modo de concurso, o animador propuña bailes e xogos aos pequenos mentres estes afanábanse en imitalo ao ritmo da música. A festa terminou pasadas as 8 da tarde, cos máis pequenos loitando cos seus pais por continuar co clásico, “un ratito máis”.
Para a Concellería de Cultura de Soutomaior, a asistencia ao Entroido Infantil supón un éxito no seu obxectivo de ampliar a oferta destes entroidos para os máis pequenos. A edil de Cultura, Mª Dores Cernadas, expresou a súa satisfacción pola aceptación do evento, “É estupendo ver o pavillón cheo con todo esta cor e alegría. Esta clase de eventos son importantes para a vida da comunidade, tanto para os nenos como para os pais”, comentou.











