“Gómez” e “Salao” lideran o VII Trofeo Ricardo Castro
O pasado fin de semana, o Real Club Náutico da Coruña celebrou a primeira xornada do VII TROFEO RICARDO CASTRO para a clase Cruceiro, e o Acto III das series de inverno para J80, cunhas auténticas condicións primaverais de vento e temperatura.
Na xornada do sábado, puidéronse completar 2 probas para os J80s, a primeira cun vento do oeste e unha navegación complicada debido ás diferenzas de presión que había no campo de regatas. Esta circunstancia foi aproveitada polo “Kakako” de Caco Vilariño que na última empopada soubo ver unha maior presión pola esquerda do campo, finalizando en primeira posición, por diante do “Biba” de Manuel Rego e en 3ª posición o recentemente incorporado “Moura” de Jacobo Penide. Na segunda proba do día, o vento foi perdendo presión a medida que avanzaba a proba, finalizando con 3 nós, o vencedor da proba foi o “Biba” de Manuel Rego, por diante do “Mariña Coruña” patroneado por Pablo Martínez, e en terceira posición o “Meltemi” de Guillermo Branco.
Na xornada do domingo, a saída atrasouse 1 hora pola falta de vento, e ás 14.00 horas púidose comezar un percorrido costeiro entre abóialas de “Oza” e “Chinés” de 15 millas náuticas cun vento que inicialmente era do sur con 10-14 nós. Cando se percorreu o primeiro terzo da proba, o vento comezou a perder presión, obrigando ao Comité de Regatas a situar a chegada no “Chinés” acurtando a proba 3 millas para que puidesen finalizar en tempo.
En clase 0-2 vitoria do “Gómez” de Andrés Soto, por diante do “Hansa” e do “Araucaria”.
En clase 3, unha vez máis, a igualdade foi máxima e principalmente entre 3 embarcacións que loitaban pola vitoria, navegando nun pano con continuos cambios no liderado. O vencedor foi o “Salao” de David Rivero, un segundo por diante do “Patacón” de José Ubago, e medio minuto por diante do “Zóspiro” de Guillermo Branco. Primeira regata do “Aloa” de David Moreno, que acusou o navegar sen spinnaker en rumbos abertos, atrasándoo respecto ao grupo de cabeza.











