Fulano, Mengano e Citano interpretará para os escolares de Tomiño a vida do pintor Antonio Fernández
A obra teatral sobre a vida de Antonio Fernández, creada e representada polo grupo Fulano, Mengano e Citano, coma homenaxe ao pintor goianés, volverase a interpretar no Auditorio, o vindeiro luns, 17 de marzo, para os estudantes de ESO e Bachalarato da localidade. A representación terá lugar o vindeiro luns no Auditorio de Goián, en dúas quendas sucesivas, ás 10 e ás 12 da mañá.
A interpretación da personaxe do pintor, será encarnada por Suso Pando, moi aplaudida polo público, dando a coñecer as distintas vicisitudes da vida do artista, dende a súa infancia, na que con 12 anos partiu ao Brasil, ata os seus derradeiros días, no seu Goián natal.
A representación contará co acompañamento dun grupo de profesores da Agrupación Musical de Goián, que interpretarán unha banda sonora con variacións, creada especialmente por Andrés Álvarez, compositor, profesor e vicepresidente da agrupación.
Ademais, proxectarase un vídeo conmemorativo no que participaron os 170 alumnos e alumnas do CEIP de Goián.











