Francisco Conde e Julio Bueno buscan estreitar relacións entre a automoción galega e brasileira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Francisco Conde na reunión con Julio Bueno. Foto: C. Paz

Francisco Conde na reunión con Julio Bueno. Foto: C. Paz

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o Secretario de Desenvolvemento Económico, Enerxía, Industria e Servizos do Estado de Río de Xaneiro, Julio Bueno, analizaron hoxe as perspectivas para estreitar as relacións comerciais entre os sectores da automoción de Galicia e Brasil, e aumentar a presenza cualitativa e cuantitativa das empresas galegas en Río. Na reunión tamén participaron o Director Xeral do Servizo Brasileiro de Apoio ás Micro e Pequenas Empresas (SEBRAE), Cezar Vasquez, así como representantes de PSA Citroën Brasil, do Clúster de Automoción de Galicia (CEAGA) e do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG).

O encontro serviu para dar continuidade á reunión mantida entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o propio Bueno, durante a visita do xefe do executivo galego a Brasil do ano pasado, e responde a unha estratexia a longo prazo da Xunta para consolidar a presenza dos sectores estratéxicos galegos no segundo estado en importancia económica do país. Brasil é xa o terceiro mercado latinoamericano de maior peso para as empresas galegas, e a Xunta busca facer valer o know how das pemes da comunidade para abrir novas oportunidades en sectores como a automoción, o naval e o sector aeronáutico.

Durante a reunión déronse os primeiros pasos para que CTAG e CEAGA poidan cooperar co clúster da automoción de Río, creado e liderado por PSA Citroën Brasil, e acordouse a necesidade de abrir portas para as empresas galegas e brasileiras en ambos sentidos, con misións comerciais directas e inversas. O sector da automoción conta en Brasil con unha crecente presenza; a propia PSA Citroën conta cunha fábrica en Porto Real con capacidade de produción de 160.000 vehículos, pero ademais se atopa na zona unha das máis modernas fábricas de camións do mundo –de Volkswagen-, e se prevén investimentos de máis de 30.000 millóns de euros nos próximos anos.

Na actualidade, empresas auxiliares do sector como o galego Grupo Copo xa teñen presenza no país, e Galicia reforza constantemente a súa oferta en outros sectores estratéxicos. Neste senso, destaca por exemplo o ASIME Business Center do Brasil, un proxecto constituído para potenciar e facilitar a implantación del sector metalúrxico en Brasil que poido levarse a cabo grazas ao Plan Primex da Xunta, e que permitiu a oito empresas do sector ter presenza no mercado brasileiro. Non foi o único Primex en Brasil: o país é, con Panamá, o segundo en importancia deste programa que busca a saída ao exterior das empresas galegas con proxectos de cooperación entre elas.

Ademais de a través do Primex, moitas empresas galegas están crecendo en Brasil, con exemplos como Copasa, encargada de construir o Paseo Olímpico de Río de Xaneiro, ou Gefico Enterprise, que colabora co estaleiro Atlántico Sul en Suape para construír buques para a petroleira Petrobras.

Ese impulso será reforzado polo constante respaldo institucional da Xunta, cuxa oficina Pexga no país, situada en Sao Paulo, reforzará os servizos que presta en Río de Xaneiro.

27 de marzo de 2014 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.