Finalizan en Val do Dubra os cursos de formación en cantería e turismo ecuestre de Proxecto Home

Beatriz Mato cos participantes no Curso AFD de Proxecto Home
A Consellería de Traballo e Benestar está a apoiar a formación aos membros de Proxecto Home a través da organización de cursos, co obxectivo de incrementar as súas oportunidades de acceder ao mercado laboral.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, entregou hoxe os diplomas aos 30 alumnos dos cursos de formación en cantería e turismo ecuestre desenvoltos en 2013 na comunidade terapéutica das Cernadas, cun orzamento de 80.000 euros.
Na súa intervención, Mato indicou que “para afrontar a saída da crise é fundamental contar cos traballadores máis formados e mellor preparados que sexa posible”, polo que “apostar por unha formación de calidade é apostar polo futuro de Galicia”.
Neste sentido, o departamento autonómico reforza cada ano o seu compromiso coa formación de calidade certificada e orientada ás verdadeiras demandas do mercado laboral. En 2014 blindase o orzamento destinado a esta materia, que volverá a contar con máis de 63 millóns de euros.
A responsable de Traballo lembrou que a formación tamén é un eixo fundamental do novo Plan de Emprego Xuvenil pois supón preto do 75% do seu orzamento total, que será de 100 millóns de euros.
O departamento autonómico ten destinados 2,5 millóns de euros desde 2009 a distintas liñas de colaboración con Proxecto Home, unha entidade que combina “dúas das liñas principais da Consellería”: traballar por e para as persoas; e apostar pola mellora da empregabilidade dos traballadores.