Ferrol pon en marcha a segunda edición do programa “Tempo para avanzar”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, Verónica Casal Miguez, informou hoxe do inicio dunha nova edición do programa “Tempo para avanzar”, que se desenvolverá na ludoteca municipal do Cantón de Molíns. A edil ferrolá lembrou que este programa vai dirixido a mulleres con menores ao seu cargo de idades comprendidas entre os 0 e os 12 anos e o obxectivo do mesmo “é facilitar a conciliación a mulleres que traballen ou cursos estudos”. 

Así as cousas, as beneficiaras deste programa son mulleres con familias monoparentais e con cargas familiares non compartidas e baixos recursos económicos. A metodoloxía do programa consiste na atención de forma colectiva aos fillos/as  a cargo das nais usuarias do servizo. Realizarase en horario de tarde, cun máximo de catro horas diarias (de luns a venres). Durante este tempo os menores realizarán diferente actividades de carácter lúdico e formativo. Ao respecto, Casal Míguez explicou que con “Tempo para avanzar” e con outros programas postos en marcha desde a área de Igualdade e Xuventude, como “Respirando”, aténdese a “mulleres que se atopan nunha situación de maior desvantaxe respecto da inserción laboral e social, polo que precisan de servizos que posibiliten a conciliación”. A titular de Igualdade apuntou que na primeira edición de “Tempo para avanzar” participaron os menores ao cargo de 24 mulleres, superándose con creces as expectativas xa que moitas delas incluíron no programa a máis dun fillo. “Con Tempo para avanzar contribuímos a crear tempos libres de cargas familiares para que as mulleres poidan formarse ou traballar e mellorar o rendemento académico dos/as menores mediante o apoio educativo”, manifestou Casal Míguez.

O persoal co que se conta para atender aos menores é: un coordinador xeral responsable do proxecto, un técnico pedagóxico, un técnico administrativo e 25 persoas voluntarias procedentes de ciclos formativos ou graos relacionados con Educación Infantil. “Tempo para avanzar 2” prolongarase até o 31 de decembro de 2014 e as mulleres interesadas en beneficiarse desta iniciativa poden presentar a súa solicitude a partir de mañá venres no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol, en horario de 09.00 a 14.00 horas (de luns a venres) e de 09.00 a 13.00 horas (os sábados). As solicitudes de inscrición se poden recoller nas propias dependencias do Rexistro Municipal.

6 de marzo de 2014 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.