Ferrol organiza unha xornada especial de Entroido para os usuarios dos comedores sénior
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, celebrará mañá martes, día 4 de marzo, o Entroido nos diferentes Comedores Senior que están en funcionamento na cidade. Un total de oito membros da Oficina de Voluntario Municipal participarán na proposta “Unha máscara, un sorriso”. Esta actividade lúdica permitirá aos usuarios dos catro Comedores Sénior da cidade (Río Xubia, Caranza, Esteiro, e San Pablo-Catabois) gozar do entroido e degustar un menú típico dos festexos composto por sopa de cocido, cocido e filloas.
“Unha máscara, un sorriso” ten como obxectivo cultivar e fortalecer a actitude positiva antes a vida, fomentar a diversión, experimentar técnicas e recursos para rir en grupo, divertirse e gozar xerando unha vida de alta calidade. Un total de 56 persoas están acudindo aos comedores sénior e cada vez é maior o número de demandantes deste servizo, polo que en breve contarán con seis usuarios máis. Os catro comedores sénior da cidade pretenden potenciar un envellecemento saudable mediante unha alimentación adecuada, variada e equilibrada, así como procurar un espazo relacional e de vínculos de amizade e relación coa comunidade. En definitiva, este servizo municipal permite mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas maiores de 65 anos e todos os usuarios participan nas diferentes actividades que se organizan nas propias instalacións.
Voluntariado
Ao fío disto, Martínez Beceiro facilitou cifras sobre o servizo de voluntariado municipal no que un total de 91 persoas -68 mulleres e 23 homes- están rexistradas. A franxa de idade que ten maior número de persoas voluntarias é a de maiores de 40 anos, seguida da comprendida entre os 25 e 40 anos, e dos 18 a 25 anos. Así, os voluntarios en activo, é dicir, que actualmente están desenvolvendo accións voluntarias son 56. No que atinxe ás accións en alta na actualidade, a Cociña Económica conta con 26 voluntarios; en acompañamento social son 16 persoas; no Centro de Atención a Minusválidos Físicos (CAMF) para animación á lectura hai 2 persoas; para apoio ao ocio e deporte no Centro Nosa Señora de Chamorro son 2 voluntarios; e son 8 as persoas que participarán na proposta lúdica “Unha máscara, un sorriso” que se realizará nos catro comedores sénior da cidade.











