Ferrol licitará pola vía de urxencia as obras de renovación integral da rúa do Sol, na Magdalena
O Goberno Municipal de Ferrol licitará pola vía de urxencia as obras de reforma integral da rúa do Sol, no barrio da Magdalena. A Administración municipal conta xa de maneira oficial co permiso da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para acometer a reforma integral deste viario, principal acceso ao centro da cidade. O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, Guillermo Evia Pérez, informou hoxe de que o pasado luns, día 3 de marzo, entrou por rexistro a resolución favorable da administración autonómica ao proxecto de reurbanización da rúa do Sol elaborado por este departamento municipal e que a Concellería de Urbanismo achegou a Patrimonio xunto cos informes da enxeñeiro industrial, arquitecta e arqueólogo municipais, así como ditame positivo da Comisión de Seguimento do Plan Especial do Protección e Rehabilitación da Magdalena.
O Executivo local que preside Jose Manuel Rey Varela sacará a contratación esta intervención por un orzamento base de 954.000 euros, que cun prazo de execución de cinco meses, a contar dende a data de sinatura do contrato de adxudicación e firma da acta de reformulo. Así as cousas, e tal e como anunciou o propio rexedor, o obxectivo é que a rúa do Sol estea totalmente reformada antes de que remate o presente ano. O edil Guillermo Evia explicou que esta intervención ten por obxecto a rexeneración da capa de rodamento da totalidade da rúa do Sol, a renovación de servizos urbanísticos e arranxo de diversos tramos de beirarrúa. “Esta actuación responde á necesidade de abordar o cambio de pavimentación neste viario cun pavimento de formigón, unha substitución que está máis que xustificada dado o elevado tránsito de vehículos que utilizan a rúa do Sol para acceder ao barrio da Magdalena”, manifestou o titular de Urbanismo. Ademais, Evia subliñou que o feito de que o ámbito de actuación será o conxunto da rúa do Sol, incluída a última mazá que quedara fóra da intervención acometida no mandato anterior; é dicir os traballos abranguerán dende a praza de España até a rúa Atocha, Así as cousas, e tal e como se contempla no proxecto, a totalidade da rúa do Sol dotarase dun pavimento continuo a base de formigón coloreado cun acabado de árido visto, pulido por medios mecánicos en seco, máis axeitado para o tránsito de vehículos que soporta diariamente a rúa do Sol e, ademais, menos ruidoso que o adoquin.
A reforma da rúa Sol permitirá a transformación dun dos principais varios do barrio da Magdalena, adaptándoo ás necesidades actuais que ten a cidade posto que a proposta de actuación deseñada polo Goberno Municipal ten en conta o feito de que esta rúa é practicamente o único acceso ao centro. Neste sentido, a materialización deste proxecto vai ser posible grazas á vontade de colaboración entre administracións, nomeadamente entre o Concello de Ferrol e a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, así como ao respecto das condicións que debe ter toda obra que se acomete nun casco histórico. A rexeneración completa da rúa do Sol será pois a nova gran actuación do casco histórico de Ferrol que se acometa neste mandato, despois das xa realizadas nas prazas de España e Callao, así como no parque municipal Raíña Sofía.











