Ferrol destinará a maior parte dos investimentos de remanentes a mellora de viarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol investirá parte dos remanentes do exercicio económico do ano pasado a completar o financiamento da reforma da rúa do Sol, á mellora de viarios da zona urbana e rural do municipio, ao mantemento dos edificios municipais da Policía Local e Bombeiros e do pavillón polideportivo da Malata; a compra de terreos para a xeración de chan industrial; e a garantir o cumprimento do compromiso social que o Goberno Municipal que dirixe Jose Manuel Rey Varela mantén dende o principio do presente mandato. Así o explicou o concelleiro de Economía, Alejandro Langtry Caínzos tras a reunión da comisión informativa da área.

Neste sentido Langtry Caínzos detallou en que se empregarán os remanentes de Tesourería do curso pasado, que ascende a 10,1 millóns de euros. Os principais destinos será o pago da débeda prevista para 2014 -de tal xeito que o Concello non terá que acudir a unha nova operación de crédito por valor de 1,8 millóns de euros para investimentos senón que esta cantidade se cubrirá con fondos propios-; o abono de facturas pendentes por importe de 1,5 millóns de euros; incorporación de créditos por valor de 3,5 millóns de euros para proxectos de cidade deste mandato que en moitos casos se atopan xa en proceso de licitación; e, por último, aumentarase o capítulo de investimentos en 2,7 millóns de euros de tal xeito que este capítulo chega a case 9 millóns de euros para a presente anualidade de 2014.

Así as cousas, as grandes partidas de investimento que se completan cos remanentes do ano contable anterior son:

-1,3 millóns de euros para a mellora de rúas, viarios, pistas e camiños en todo o termo municipal, tanto na zona urbana como na rural.

-500.000 euros para a compra de terreos de uso industrial. Unha operación vinculada ao convenio co Ministerio de Defensa que permitirá ao Concello destinar para asentamento de empresas a parcela da antiga estación de radio de Mandiá.

-400.000 euros para a mellora da rúa do Sol, coa substitución do empedrado por un pavimento máis acorde co tráfico diario que soporta a que é unha das principais vías de acceso ao centro de Ferrol. A incorporación desta partida permitirá financiar nun único exercicio toda a obra, cuxo prazo de execución é de 5 meses a partir do inicio dos traballos. O obxectivo desta inxección orzamentaria é garantir que a rúa do Sol estea totalmente rematada neste ano.

-200.00 euros para a rehabilitación das instalacións da Policía Municipal e Bombeiros, dous equipamentos que practicamente dende a súa construción careceron dun mantemento axeitado.

-150.000 euros para a mellora do polideportivo municipal da Malata.

-100.000 euros para a rehabilitación dos mercados municipais de Caranza e de Recimil, principalmente, así como para actuacións na praza de abastos da Magdalena.

-21.500 euros para a renovación da rede de abastecemento na rúa Alegre de Canido.

Menos débeda e máis investimento social

O titular de Economía destacou que esta posibilidade de incrementar o diñeiro destinado a obras e investimento en case máis de 3 millóns de euros “é grazas ao esforzo e ao rigor económico, eliminando o gasto superfluo e pagando o que se adebeda sen gastar o que non se ten”.  Unha estabilidade e rigorosidade orzamentaria que ten permitido, tal e como explicou Langtry Caínzos, diminuír a débeda municipal coas entidades bancarias en 2 millóns de euros no presente mandato, redución que será de case 5 millóns de euros en 2015, segundo indican os técnicos municipais da Área de Economía e Facenda da Administración ferrolá.

Esta baixada da débeda cos bancos que ten contraída o Concello de Ferrol –pasando dos 30,3 millóns de euros en 2010 aos actuais 28 millóns acreditados pola Tesourería Municipal – ten tamén a súa repercusión positiva na área de Benestar Social, que neste ano 2014 repite cifra récord de recursos económicos con case 6 millóns de euros para políticas, programas e iniciativas de carácter social. Ao respecto, Langtry Caínzos sinalou que no período comprendido entre 2010 e 2014 o Concello de Ferrol incrementou ano tras ano o investimento na área social cunha subida por encima dun millón de euros; e isto “cando os presupostos xerais do Concello baixaron en máis de 20 millóns de euros dende 2008 até 2014”.

Para o concelleiro ferrolán este dato “deixa ben as claras, con cifras, o compromiso deste Goberno Municipal coas persoas que máis necesitan da axuda e solidariedade de todos e coas políticas sociais”. Por último, Langtry Caínzos tamén subliñou o elevado grao de execución das partidas económicas de Benestar Social que pasou dun nivel do 59% en 2008 a máis do 72% de execución de orzamento social no pasado exercicio de 2013.

25 de marzo de 2014 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.