Ferrol destinará 90.000 euros a subvencionar actividades das entidades veciñais e ao abono de electricidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol destinará este exercicio 2014 un total de 90.000 euros en dúas liñas de axudas dirixidas ás entidades veciñais do municipio para actividades e programas, e para o pago dos gastos de enerxía eléctrica dos locais sociais das asociacións que antes os tiñan que sufragar con recursos propios e que supoñan un lastre para as economías destas ademais dun agravio comparativo en relación a outras asociacións. A ampliación desta última liña de achegas para o pago do subministro eléctrico a todas as entidades foi implantada neste mandato.

Así as cousas, o pleno de fin de mes aprobará as bases reguladoras da nova convocatoria de subvencións a agrupacións veciñais elaborada pola Concellería de Participación Cidadá, que dirixe Martina Aneiros Barros. O documento xa conta co ditame da comisión informativa. No que atinxe ás dúas liñas de subvencións ofertadas pola Administración ferrolá, a primeira delñas é para actividades e programas. O obxectivo destas achegas é fomentar as relacións veciñais e mellorar a calidade de vida dos veciños, así como facilitar que os veciños/as da cidade teñan a posibilidade de participar e asistir a programas e actividades culturais, lúdicos, obradoiros, etc., con independencia do barrio onde residan. O montante global destas achegas a repartir entre as entidades veciñais ascende a 78.000 euros. A segunda modalidade de achegas da Concellería de Participación é a referente á cobertura dos gastos de subministración de enerxía eléctrica dos locais sociais, cun importe total de 12.000 euros.

Os modelos de solicitude e o prazo de entrega das mesmas estará a disposición das entidades veciñais unha vez que o pleno de Ferrol aprobe as bases reguladoras das mesmas ditaminadas esta semana en comisión informativa; e que a devandita resolución plenaria saia publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Ao día seguinte desta publicación oficial das bases no BOP empezará a contar o prazo de 20 días naturais para que as entidades veciñais se acollan as subvencións da Concellería de Participación.

19 de marzo de 2014 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.