Ferrol colabora con Asfedro en tres programas de prevención de drogas no ámbito familiar
O Concello de Ferrol está desenvolvendo conxuntamente con Asfedro tres programas de prevención de drogas no ámbito familiar: “Máis que un teito”, “En familia todos contan” e “Entre todos”. A concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, deu conta hoxe en comisión informativa da área do balance destas tres iniciativas, así como da evolución do curso de mediador xuvenil que leva a cabo a Asociación de Ex-alcohólicos de Ferrol, tamén coa colaboración da Concellería de Benestar.
No que atinxe aos programas levados a cabo a través de Asfedro, “Máis que un teito” xa se desenvolveu nos seguintes centros educativos: CPR Ludy, IES Carballo Calero, CEIP Recimil e CEIP Isaac Peral. Acudiron 48 pais e nais deste centros, aí como do CEIP Ponzos. Na actualidade, este programa de prevención lévase adiante no CPR Santa Xoana do Lestonnac, no CEIP Almirante Juan de Lángara e no CEIP Cruceiro de Canido. Os módulos que se desenvolven ao abeiro de “Máis que un teito” son: a comunicación familiar e os estilos educativos, normas e límites, información sobre drogas e riscos das novas tecnoloxías da información e comunicación. Ademais dos centros antes sinalados, tamén se fixo difusión deste programa no resto de CEIP, CPR e IES do municipio, tanto públicos como concertados. No caso dos centros de Secundaria de Ferrol, e ante o volume da demanda, Asfedro púxose en contacto coas ANPAS para futuras intervencións.
En canto á iniciativa “En familia todos contan”, esta desenvolvese nas instalacións de Asfedro e vai dirixida aos pais e nais que se atopan en situación de risco en relación coas drogas. Neste caso trátase de familias que presentan problemas de adicción nun ou nos dous membros da parella. E por último, o terceiro programa de Asfedro en que colabora a Concellería de Benestar é “Entre todos”, en que –a día de hoxe- participan catro familias. Este programa consiste en apoio ás familias e conta coa participación dun psicólogo clínico e unha educadora social que intervén coas familias usuarias,. “Entre todos” vai dirixido a persoas que teñen problemas de comportamento e que son consumidores de substancias.
Curso de mediador xuvenil
Ademais de informar sobre estes programas de prevención, a edil Martínez Beceiro tamén detallou a evolución do curso de mediador xuvel desenvolvido en colaboración coa Asociación de Ex-Alcohólicos. Esta actividade formativa comezou o pasado día 22 de xaneiro; e ten a periodicidade de un día a semana. Impartíronse os seguintes módulos: Historia, concepto e clasificación das drogas, consecuencias do uso de substancias aditivas, prevención en drogodependencias e o papel do mediador xuvenil. Esta formación completarase cos módulos en: Habilidades e estratexias eficaces na prevención das drogodependencias; e ocio e drogas: uso responsable do tempo libre.
O curso, que ten lugar nas instalacións da Asociación de Ex-Alcohólicos, é impartido pola traballadora social, o psicólogo e o médico do centro. Participan un total de 19 persoas, sendo o seu perfil o seguinte: maioritariamente mulleres (un total de 17); media de idade de 24 anos; e a metade do alumnado ten estudos universitarios relacionados coa rama social (traballador social, educador ou integración social). O resto dos participantes teñen estudos de Bachalerato ou ESO. A clausura do curso está prevista para o vindeiro día 26 de marzo.











