Fernando Salgado destaca a relación entre Lousame e os sucesos narrados no seu libro “Elefantes y hormigas”
O salón de actos da Casa da Cultura de Lousame acolleu na noite de onte venres o acto de presentación do libro “Elefantes y hormigas”, obra do xornalista arousán Fernando Salgado quen estivo acompañado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e por Julio Patachiuta, en cuxa vida está baseada esta obra. Teresa Villaverde agradeceulle a Salgado “o feito de ter escollido Lousame para presentar este libro na nosa comarca”, ao que o xornalista arousán respondeu que “se nalgún sitio tiña que ser presentado o libro era precisamente aquí”.
Así, Fernando Salgado explicou que estivera en Lousame facendo unha reportaxe sobre como cambiara a comarca pola “febre do wolframio” e que “daquela estaba escoitando as historias de Julio e empecei a pensar que ese wolframio que servía para facer os compoñentes dos avións ou endurecer as coirazas dos tanques podería ir neses avións que Julio viu de neno bombardear os camións da xente que abandonaba Grecia. Ou quen nos di que o centro aeronáutico alemán que estaba a menos de 40 quilómetros do campo de concentración no que estivo Julio non se nutría do wolframio de Lousame”. Por iso, Salgado chamou á reflexión do público asistente dicindo “quen nos di que destas montañas non saíu o wolframio que alimentou esa guerra” e sinalou o feito de que Julio Patachiuta “acabou vivindo en Vilagarcía, cando de Carril saían os barcos co wolframio de Lousame”.
Un punto no que coincidiu Teresa Villaverde, quen asegurou que “este tipo de historias chaman á reflexión sobre esa contradición : xente en Lousame que vía no wolframio unha fonte de riqueza, aínda que tamén ten causado moita desgraza para moitas persoas, pero que en ningún caso se plantexaron o destino ao que se lle ía dar a ese material e que, seguramente, teña causado a morte de moita xente”.
Historia dun século de guerras
Jalonadas con varias interpretacións musicais a cargo do violín de Kevin Patachiuta, neto do protagonista do libro, Fernando Salgado e Julio Patachiuta comezaron a súa intervención explicando como naceu este libro. “Eu escoitara que había un grego en Vilagarcía que estivera nun campo de concentración alemán, polo que me puxen en contacto con el coa idea de facer unha reportaxe para o domingo pero, despois de 2 horas de conversa, vin que só rascara a superficie e que o que tiña diante daba para moito máis”, explicou Salgado.
“La culpa del libro es de él”, respondeu Patachiuta, “vino a hacer un reportaje y, como yo no me canso de hablar, entre cafés y pancakes él preguntaba y yo respondía y respondía, porque no tengo nada que esconder”. Unha intensa vida que quedou recollida no libro “Elefantes y hormigas”, do que Teresa Villaverde destacou “o optimismo que irradia esta persoa, despois dunha vida tan intensa, tan chea de traxedias, guerras… é unha demostración de como un home intelixente é quen de adaptarse e superar todas as calamidades”.
Así, Salgado explicou que “Elefantes y hormigas” é “a historia dun século de guerras. Por iso Julio di moitas veces: maldita Europa!, porque para el Europa é sinónimo de miseria, de morte, de sufrimento…”. Unha historia que comezou coa desaparición da nai de Julio, despois de que os nazis queimasen o seu pobo en represalia por un disparo realizado sobre unha patrulla xermana, e coa morte do seu irmán maior a mans dos partisanos pro-británicos, ao confundilo cun colaborador nazi.
“Lo que me sigo preguntando es por qué vinieron a buscarnos a Salónica para llevarnos al campo de concentración”, explicou Julio, xa que eles non eran xudeus e a única expilcación que atopa é que “esa casa en la que vivíamos perteneció a una familia judía y supongo que por eso los nazis pensaron que éramos judíos”. Con moita empatía e mesmo con sentido do humor, Patachiuta narrou a súa viaxe ata o campo de concentración e as súas sensacións á chegada. “Nada máis chegar os enviaron ás duchas e eles pensaron que os enviaban á cámara de gas, pero logo os enviaron a uns barracóns cheos de piollos e sen camas onde durmir”, sinalou Salgado. “Aún era un niño y recuerdo que dije: papá, ¿nos han desinfectado para que estuviéramos limpios para los piojos”, bromeou Julio Patachiuta.
Durante as case dúas horas que durou a presentación, Salgado e Patachiuta percorreron a vida do segundo, destacando a súa presenza en momentos históricos, dende a propia Guerra Mundial ata o ascenso do castrismo. Un dos momentos máis divertidos foi cando Patachiuta narrou a súa experiencia en Italia, onde se dedicou ao contrabando de tabaco. “Comprábamos tabaco italiano y los preparábamos de forma que pareciese diferente. Luego en una imprenta nos hacían las distintas cajetillas y lo empaquetábamos todo. Nos costaba todo unas 40 liras el paquete y los vendíamos a 240 liras”, explicou Patachiuta, quen bromeou lembrando “las caras que ponían los que tenían dinero y presumían de fumar tabaco americano sin darse cuenta de que estaban fumando tabaco italiano 200 liras más caro”.
O libro
“Elefantes y hormigas” é o primeiro libro de Fernando Salgado e conta a historia de Julio Patachiuta, veciño de Vilagarcía de Arousa nacido en Macedonia. O libro recrea as experiencias de Patachiuta no confinamento nazi, o seu paso como vendedor de tabaco nos prostíbulos de Bolonia (Italia), as súas viaxes como mariñeiro pola Cuba castrista, o seu traballo na confección de prendas de pel en Bos Aires (Arxentina), o seus anos de bonanza económica en Canadá e a súa vida en Vilagarcía de Arousa nos anos noventa, onde rexentou unha cafetería. Un amplo periplo vital que mesmo o levou a descubrir o seu verdadeiro nome: Stergios Patakioutas Skrimbas, que é o utilizado no libro.
Fernando Salgado é xornalista e a súa traxectoria profesional transcorreu por xornais como Diario de Galicia, Diario 16 de Galicia, Atlántico Diario e La Voz de Galicia. Na actualidade é o delegado do Diario de Pontevedra en Vilagarcía de Arousa, onde tamén colabora en Radio Arosa (Cadena SER). Tamén ten publicado artigos en Tempos Novos, A Trabe de Ouro e Ardentía; ademais de escribir o blog: http://oblogdefernandosalgado.blogspot.com.es/.











