Feira do Lázaro e Certame Gastronómico “Vila de Verín” 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioVerín
A-
A+

Os días 05 e 06 de abril, Verín acollerá a celebración da tradicional Feira do Lázaro e a sétima edición do Certame Gastronómico ‘Vila de Verín’. Un evento que, ademais da celebración en honra a San Lázaro, inclúe a realización de actividades deportivas, culturais e lúdicas en diversas localización da vila, convertendo esta festa nun acontecemento apto para todos os públicos.

O Pavillón Municipal de Deportes de Verín acollerá durante as dúas xornadas, de 10 a 14 e de 16 a 21 horas e con entrada gratuíta (o sábado o horario de peche prolóngase ata ás 22 horas), a realización da Feira do Lázaro, articulada en torno á artesanía e gastronomía, e contará con participantes de Galicia, Norte de Portugal e doutras provincias españolas. Tamén no interior do pavillón se celebrará, por sétimo ano consecutivo o 05 de abril (a partir das 10.30 horas), o concurso ‘Cigarrón de Verín’ que se divide en dúas categorías diferenciadas: alumnos/as de escolas de hostalería – profesionais da restauración e afeccionados/as. O número de participantes será dun máximo de dous por receita, os pratos presentados deben ser de creación propia e englobarse nun dos seguintes dous apartados: prato principal e sobremesas (son os mesmos apartados para as dúas categorías, e no apartado de prato principal o ingrediente básico debe ser cabrito ou bacallau)-. Ademais, no momento da presentación do prato, que será elaborado en directo, os concursantes deberán maridalos con viño da D.O. Monterrei. Os premios que se outorgarán aos participantes son os seguintes: Gran Cigarrón -para o prato principal tanto na categoría alumnos/as de escolas de hostalería – profesionais da restauración como a de afeccionados/as, é dicir, dous galardóns dotados cada un con 400 euros (un será patrocinado polo Concello de Verín e o outro pola Denominación de Orixe Monterrei)- e Cigarrón Doce -na de sobremesas, tamén para as dúas categorías de participantes, e cun valor de 200 euros cada un, apadriñados por AEHCOM (Asociación Hostaleiros de Verín) e AEVER-CCU Verín (Asociación de Empresarios de Verín-Centro Comercial Urbano Verín)-. Nesta edición os membros do xurado serán Beatriz Sotelo -do restaurante ‘A Estación’ de Cambre, que conta cunha estrela da Guía Michelín, e integrante do grupo Nove-, Diego López -do restaurante ‘La Molinera’ de Lalín e premiado como Cociñeiro do Ano de Galicia no Fórum Gastronómico-, Jorge Paulo -director da Escola Profissional de Chaves (Portugal)- e Román Dacosta Fernández -premio Cigarrón Doce 2013 e do restaurante ‘A Chabola’-.

Con todo, e tamén no apartado gastronómico, a Denominación de Orixe Monterrei organiza esa mesma xornada a súa Cualificación da colleita 2013, a partir das 11.30 horas, no claustro do colexio Padres Mercedarios. E xa dentro do apartado lúdico, o recinto do Pavillón Municipal de Deportes de Verín tamén acollerá unha ludoteca e obradoiros infantís; así como actuacións de música tradicional, e espectáculo de grupos de baile e acrosport.

Ademais a festa de San Lázaro se traslada as rúas da localidade coa realización das seguintes actividades: V Torneo San Lázaro Intercentros de Fútbol-7 (05 de abril, ás 9 horas, no complexo deportivo de A Granxa), Torneo de Natación do Lázaro, (05 de abril, ás 10 horas, na piscina climatizada), Torneo de Tenis do Lázaro (05 de abril, ás 9 horas, no complexo deportivo de A Granxa), V Torneo de Fútbol de Veteranos (05 de abril, ás 18 horas, no complexo deportivo de A Granxa), procesión de San Lázaro e misa na Igrexa Parroquial (06 de abril, ás 11.30 horas) ou actuacións musicais na noite do sábado (América en concerto) e tarde do domingo (Ledicia), nas prazas García Barbón e Maior. Ademais, do 04 de abril ao 03 de maio, a sala de exposicións do Concello de Verín a mostra “Punto e a parte” de Xosé Rivada.

Por outra banda, a Asociación de Hostaleiros da Comarca de Monterrei (AEHCOM), en colaboración co Concello de Verín, co obxectivo de seguir promocionando os produtos tradicionais da comarca promove a quinta edición ‘Exaltación de Bacallau e Cabrito’. Unha iniciativa asentada na realización de menús específicos, durante as dúas xornadas da Feira do Lázaro, que inclúen bacallau e cabrito, por un prezo que oscila entre os 15 e 21 euros nos seguintes restaurantes: O Augueiro, Lugano, O Castelo, O Candil, San Roque, Brasil, Gallego, Casa Rural A Cortiña e Parador de Turismo de Verín.

Este evento está organizado polo Concello de Verín e patrocinado por: Eurocidade Chaves-Verín, Plan de Competitividade Puertas de Galicia, Inorde, Deputación Provincial, Xunta de Galicia, Gadis, Cabreiroá, Construcciones Hnos. Carrajo, D.O. Monterrei, Saroni, Socitransa, Parador de Turismo de Verín, Pirotecnia Xaraiva, La Caixa, Caja Rural de Zamora, Estradas Galegas SL, Espina & Delfín, Rótulos Losada, MRW, Esinor, AEVER-CCU Verín e AEHCOM.

26 de marzo de 2014 | 12:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.