‘Falándolle a un espello’ será a proposta desta fin de semana no Auditorio Municipal de Ourense
Esta mañá presentouse a obra Falándolle a un espello, que mañá xoves e pasado venres acolle o Auditorio Municipal a partir das 20.30 h.
A historia describe a un home que descubre que é o único sobrevivinte da fin do mundo. O planeta enteiro está a súa disposición! Un novo mundo só para el cheo de oportunidades e retos. Unha proposta da compañía Producións Dispersas que combina comedia, crítica social, intimismo, drama e mesmo musical para dar forma a un proxecto que aspira a conectar co público, a entreter e tamén a provocar reflexión.
O texto e interpretación corre a cargo de Diego Freire, baixo a dirección de José Campanari.
A maiores, o sábado a partir das 17.30 h comeza o musical para toda a familia Blancanieves. Trátase dunha nova versión do conto dos irmáns Grimm ambientado en 1950. As entradas, a 12 euros, pódense adquirir na web www.servinova.com e desde dúas horas antes na billeteira do Auditorio.
Xa o domingo, a actividade infantil mantense fiel a súa cita ás 12 h. Nesta ocasión coa actuación de Ratiña Linda, unha versión teatral de Manuel Lourenzo, con variados números musicais baseado no conto pupular da ratiña presumida. A partir de 3 anos. As entradas, a 3 euros, pódense adquirir en www.servinova.com e desde dúas horas antes de cada actividade.











