Fálame de San Sadurniño protagoniza o acto institucional do Día Internacional da Muller
O Concello de San Sadurniño trasladou a esta última fin de semana de marzo o acto principal co gallo do Día Internacional da Muller. Na tarde do sábado o Pazo da Marquesa acollerá un encontro no que as protagonistas serán as imaxes e as voces en feminino, recollidas na súa maioría en Fálame de San Sadurniño. Este proxecto nacido hai un ano presentarase oficialmente no transcurso dun acto onde tamén se lle dará relevancia ao II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes aprobado polo Concello.
Porén, a celebración do Día Internacional da Muller distará moito de ser unha charla ao uso. O departamento de Igualdade e a rede CeMIT prepararon un guión que inclúe música, documentos audiovisuais e mesmo intervencións ao vivo dalgunhas das participantes no proxecto colaborativo Fálame de San Sadurniño.
As imaxes da web os testemuños orais servirán para escoitar en primeira persoa experiencias pasadas e presentes protagonizadas por mulleres. Será unha mirada ao papel feminino na sociedade e un foro para reflexionar sobre o traballo que aínda falta por facer para alcanzar a igualdade de xénero plena.
A este respecto, o Concello aprobou recentemente o seu segundo plan de igualdade. Un documento coas medidas que cómpre tomar e os obxectivos que se buscan cumprir a tres anos vista de cara a avanzar na equiparación en todos os ámbitos das mulleres e dos homes. Trátase dun documento de obrigado cumprimento para a administración local e dunha guía de boas prácticas na que se pretende implicar a toda a poboación, comezando polo tecido asociativo.
A celebración do Día Internacional da Muller desenvolverase na galería do Pazo da Marquesa a partir das 19.30h. do sábado. A programación inclúe, ademais, a entrega dos premios do I Certame Fotografía e Igualdade, organizado pola asociación ARTElladas. Ao concurso presentáronse un total de 14 instantáneas divididas en dúas categorías, unha infantil e outra para persoas adultas. As fotos gañadoras elixiranse mediante votación popular a través do facebook da entidade -o prazo para darlle ao “gústame” remata este venres pola noite- e tamén cos votos dun xurado profesional.











