Fai parada en Vigo a mostra coa que a Xunta de Galicia conmemora as Letras Galegas 2014
‘Nimbos de luz’, a mostra itinerante promovida pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no marco das iniciativas conmemorativas das Letras Galegas 2014 dedicadas ao poeta e tradutor guitiricense Xosé María Díaz Castro, chega hoxe a Vigo. Poderase visitar ata o vindeiro 24 de marzo na sede da delegación territorial da Administración autonómica na cidade olívica, de luns a venres de 9:00 a 19:00 horas e os sábados de 9:00 a 14:00 horas.
‘Nimbos de luz’, comisariada por Alfonso Blanco Torrado, por Luís González Tosar e por Armando Requeixo, permite unha importante aproximación á obra do poeta, tradutor e intelectual Díaz Castro, por medio de 14 paneis temáticos. Como complemento ofrece, de xeito gratuíto, folletos ilustrativos dos paneis e a proxección do documental ‘O instante eterno’, de Xosé Antón Cascudo.
Percorrido por 15 puntos da xeografía galega
A mostra ‘Nimbos de luz’ encetou o seu periplo por 15 puntos de Galicia o pasado 19 de febreiro na vila natal de Díaz Castro, coincidindo cos actos conmemorativos do centenario do nacemento do autor, e púidose visitar na Casa Habanera ata o 8 de marzo. Tras o seu paso pola sede da delegación territorial da Xunta de Galicia en Vigo, no que fará parada desde hoxe ata o 24 de marzo, a mostra chegará a Pontevedra, onde a acollerá a biblioteca nodal do 26 de marzo ao 14 de abril.
O Centro Cívico da localidade coruñesa de Cerceda abrirá, do 16 de abril ao 8 de maio, a itinerancia da exposición ‘Nimbos de luz’ en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, que incluirá como complemento e no marco da súa programación anual a xincana lingüística “Xosé María Díaz Castro na voz da xente”, destinada, en colaboración cos concellos, a alumnado de último ciclo de primaria e primeiro de secundaria.
As seguintes paradas serán a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago (do 10 ao 26 de maio), a nova Casa das Letras da Estrada (do 28 de maio ao 11 de xuño), o Multiúsos da Xunqueira de Redondela (do 13 ao 29 de xuño), o Auditorio de Vilagarcía de Arousa (do 1 ao 30 de xullo), o Real Seminario de Santa Catalina de Mondoñedo (do 1 ao 29 de agosto), a Biblioteca Miguel González Garcés (do 2 ao 16 de setembro), a biblioteca nodal de Lugo (do 18 ao 30 de setembro), a Casa da Xuventude de Ourense (do 2 ao 16 de outubro) e a Casa da Cultura da Rúa (do 18 de outubro ao 3 de novembro).
A mostra coa que a Consellería de Cultura e Educación, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, quere achegarlle á cidadanía a figura, a vida e a obra do autor ao que a Real Academia Galega lle dedica as Letras Galegas 2014 rematará a súa andaina no derradeiro mes do ano no concello ourensán de Celanova (do 16 ao 30 de decembro), logo de facer parada no concello coruñés de Cee (do 1 ao 14 de decembro).











