Exposición fotográfica sobre Palestina en Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A mostra fotográfica “Palestina” inclúe unha serie de instantáneas do fotógrafo Javier González. A presentación das súas obras será entre o 6 e o 19 de marzo na sala de exposicións da Casa da Cultura do concello de Monforte. A exposición está organizada pola Fundación Vicente Risco e o concello de Monforte de Lemos.

Esta obra é o resultado da contraposición de dous mundos, un real e outro ficticio. O curioso neste caso é que os soños, que adoitan ser as sensacións menos respectadas e máis vulneradas debido ao seu non cumprimento, acadaron cotas tan altas de realidade que a propia vida e os cidadáns aquí retratados conflúen nun camiño de nubes uns, de area outros.

Pechar os ollos, respirar, imaxinar, voar a novos mundos: esa é a esencia dos soños; máis estes son unipersoais, debemos soñar os nosos propios. Os problemas entre os soñadores dos dous mundos xorden cando un quere colonizar os soños dos demais e impoñer un único e común sen lle importar nada nin ninguén.

A quen lle gustaría que lle impuxesen as súas propias fantasías?

Soñar a realidade ou vivir os soños mestúranse nesta serie fotográfica que transita polas rúas de Xerusalén, Hebrón, Belén ou Ramala. Alí os seus habitantes seguen uns patróns de anhelo comúns, aínda que os seus desexos pouco ou nada teñen que ver entre eles.

Soña libre, Palestina.

5 de marzo de 2014 | 12:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.