EXPOCoruña incrementa os seus ingresos un 54% e renova a súa imaxe

Nova imaxe EXPOCoruña
Reforzar a imaxe de EXPOCoruña como un centro moderno e versátil, deseñado para albergar todo tipo de eventos, é un dos obxectivos do plan de difusión e promoción do edificio multiusos que hoxe presentou a tenente de alcalde de Emprego e Empresa e presidenta do Padroado de Ifeco, Luisa Cid, e que inclúe unha nova páxina web, unha newsletter –que se remite cada mes a 22.000 destinatarios- cambios na fachada do edificio e máis presenza nas redes sociais, entre outros aspectos.
Aínda que a renovación do multiusos xa se iniciou o pasado ano -con actuacións como a instalación da pérgola de entrada ou a lona- nesta nova etapa EXPOCoruña estará máis presente e activa en Internet para converterse nun espazo de referencia en Galicia e situar a cidade como destino de primeiro nivel no campo de eventos, feiras profesionais e de negocios. “Queremos situar o recinto no lugar que se merece e centrar a súa actividade na organización de feiras de carácter comercial, obxecto principal do seu negocio, aínda que sen renunciar a outro tipo de actividades como os concertos”, subliñou.
Para gañar visibilidade, o edificio cambiará a imaxe da súa fachada coa instalación, a próxima semana, dun rótulo de 20 metros de lonxitude co logo en vermello de EXPOCoruña. O plan de renovación inclúe, ademais unha páxina web máis moderna e accesible e adaptada a todos os soportes tecnolóxicos (móbiles, tabletas, ipad) que estará operativa nos próximos días.
MÁIS PRESENZA ONLINE
A web www.expocoruna.com, en castelán, galego e inglés, ten enlaces á páxina web de Turismo da Coruña e un vídeo promocional co fin de pór en valor o atractivo da Coruña e a súa capacidade para acoller todo tipo de eventos. “Será unha ferramenta de comercialización eficaz”, subliñou Cid, quen indicou que a web, con apartados como Quen somos ou Onde estamos, permite realizar un percorrido virtual por cada espazo do recinto, ademais de ofrecer a posibilidade de solicitar orzamentos online e coñecer as posibilidades de cada espazo.
Luisa Cid indicou que EXPOCoruña ampliou as súas canles de comunicación con novidades como a publicación, en versión dixital e papel, de Expofaces, unha iniciativa que consiste en mostrar como é o recinto a través de fotografías dos seus usuarios e cuxo primeiro exemplar, realizado como experiencia piloto a finais do pasado ano, elaborouse con máis de 150 imaxes de persoas que visitaron o recinto. “O resultado e a acollida foi tan espectacular que repetiremos”, avanzou a edil, quen subliñou que o edificio é un espazo único, multidisciplinar e non excluínte, “o mellor escaparate comercial de Galicia que ofrece prezos alcanzables porque o seu primeiro obxectivo é servir aos intereses da cidade”.
AUTOFINACIABLE
A tenente de alcalde destacou, respecto ao aspecto económico, que tras superar unha etapa de perdas “moi importantes” en EXOPOCoruña saneáronse as contas. “Pagouse o que se debía e deuse un xiro á xestión”, indicou. Engadiu que no avance do informe económico de 2013 constátase que o edificio é autofinanciable e que os ingresos superaron aos gastos en 118.000 euros o que supón un crecemento do 54% respecto ao exercicio anterior.
En canto á ocupación, durante 2013 pasaron por EXPOCoruña un total de 172.750 persoas e celebráronse 19 eventos, entre eles, o xuízo do Prestige e primeiras edicións de feiras como Think in Cakes ou Somos Papás, cunha asistencia de 7.900 e 13.000 persoas, respectivamente, eventos moi especializados pero que teñen un gran gancho entre o público e que repetirán este ano, o que demostra a capacidade do edificio de fidelizar aos seus clientes.
Respecto das previsións para 2014, Cid afirmou que o ano empezou con forza, cun evento de primeiro nivel como o Fórum Gastronómico, que ademais volverá en 2015. “Confiamos en superar as cifras do pasado ano e aínda que aínda hai que pechar acordos, na axenda de EXPOCoruña algúns meses xa non están dispoñibles”, concluíu.











