Estudantes italianas de intercambio no IES María Soliño de Cangas visitan o Consistorio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Hoxe a Casa do Concello de Cangas recibiu a visita de alumnas italianas que están participando estes días nun intercambio lingüístico con alumnos de 1º e 2º de bacharelato do centro de secundaria IES María Soliño. Os estudantes foron recibidos polo alcalde de Cangas José Enrique Sotelo que deu a benvida aos xóvenes visitantes así como aproveitou para intercambiar impresións e responder as súas preguntas.

O rexedor cangués explicou aos presentes a riqueza histórica, cultural e paisaxística. “Cangas é un pobo que pode presumir de ser o concello de Galicia con máis quilómetros de costa e contamos con 38 praias” sinalou. Tamén tratou a riqueza gastronómica con productos como o percebe e a navalla, “son os mellores do mundo grazas ao modo artesanal de extracción” salientou así como recordou a importancia do sector pesqueiro na economía da localidade e o seu pasado baleeiro. Por outra banda destacou o elevado valor do patrimonio histórico da vila entre os que destacou o Cruceiro de Hío e o xacemento castrexo de O Facho, o cal ía ser visitado polos estudantes trala visita ao consistorio.    

As 20 estudantes acompañadas por dúas docentes de español do Liceo Classico S.M. Legnani chegaron a España dende a localidade de Varese na rexión de Lombardía o pasado domingo. Nesta semana de estancia no Morrazo, xa que regresan a Italia mañá sábado, as alumnas acompañadas polos seus compañeiros españois puideron coñecer de primeira man a  realidade da comarca así como de Galicia, realizando visitas a Santiago de Compostela e a cidade de Pontevedra así como ao norte de Portugal. O luns tamén realizaron unha visita guiada polo casco histórico de Cangas a través do servizo municipal de turismo percorrendo os lugares e os monumentos máis emblemáticos da vila como a Capela do Hospital, a ex-colexiata de Cangas ou a Praza de Abastos entre outros.

14 de marzo de 2014 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.