Estudantes do colexio da Reigosa realizan unha plantación forestal na contorna do lavadoiro da Ponte

Plantación de árbores
Alumnos do colexio da Reigosa participaron na replantación forestal do humidal existentes nas inmediacións do lavadoiro da Ponte a través dunha xornada didáctica na que os escolares colaboraron na limpeza do espazo natural, aprenderon a distinguir as árbores existentes na zona e descubriron a fauna do lugar, especialmente composta por sapos, ras e lombrigas.
Os escolares acudiron ao lavadoiro da Ponte, na Reigosa, acompados por profesores, naturalistas e monitores da Fundación Xoán XXIII encargados de dirixir esta xornada de encontro coa natureza e de ensino práctico para o coñecemento do medio que lles rodea.
A plantación de árbores autóctonas como carballos, castiñeiros, nogueiras e os propios de zonas húmidas como o popular “amieiro” contou coa presenza do tenente de alcalde de Ponte Caldelas, Francisco Regueira, quen animou aos escolares presentes a coidar a natureza e a emprender medidas conservacionistas en defensa dos espazos naturais como a contorna do lavadoiro da Ponte, na Reigosa.
O abono utilizado para a reforestación procedía do humus obtido cos materiais vexetais recollidos durante a pasada campaña nas tarefas de sega e limpeza das zonas verdes do CEIP A Reigosa realizada polos alumnos da Fundación Xoán XIII e que agora se aproveitaron para achegar nutrientes ás árbores recentemente plantadas.
Os alumnos participantes nesta experiencia pedagóxica foron divididos en tres grupos de traballo que, de maneira rotatoria, encargábanse de realizar labores de recollida e limpeza da zona, plantación de árbores e observación da fauna existente nas inmediacións do lavadoiro, respectivamente.
Dunha maneira moi didáctica e pedagóxica os alumnos recibiron un ensino participativo moi especial que non esquecerán facilmente á vez que aumentaron os seus coñecementos sobre a contorna natural que lles rodea.
Entre as múltiples anécdotas cultivadas durante toda a xornada estiveron os pequenos sustos provocados polas ras e os sapos nos seus intentos por escapar das mans de expertos naturalistas que ían mostrando as especiais características que rodean a estes animais. Unha vez finalizado o proceso de exhibición aos alumnos foron depositados no seu medio natural para que puidesen seguir vivenda en harmonía co medio ambiente.
Este proxecto pedagóxico levado a cabo no colexio da Reigosa, en colaboración con o Concello de Ponte Caldelas, completarase coa creación dun horto ecolóxico en bancales elevados que se están construíndo en zonas verdes do propio centro escolar con materiais achegados pola Administración Local.











