Este fin de semana dispútase a Quinta Fase do seis que conforman o Circuíto Cidade de Vigo
O Gran Premio O Corte Inglés de Platu 25 entra este fin de semana na súa recta final, coa disputa da Quinta Fase do Circuíto Cidade de Vigo, do seis que o conforman.
Cun podio moi apertado, os seus banzos aínda están por determinar, un feito que comezará a albiscarse nas dúas próximas xornadas, sendo a primeira este sábado e a segunda o domingo.
Aproveitando a bonanza meteorolóxica, o Comité da regata tentará cumprir o programa, que consta de seis probas, tres por cada día, aínda que non o terá fácil debido á propia previsión do meteoro, máis ben frouxo – entre 5 e 6 nós – e moi rolón, o sábado do nor-noroeste e o domingo primeiro de bocana nos primeiros compases do día, é dicir, vento do leste, para cambiar ao noroeste a media mañá e cunha intensidade tamén en forma de brisa.
Tras o liderado co que se fixo o E para comer Lugo, de Gonzalo Araújo, ao termo da Cuarta Fase do Gran Premio O Corte Inglés o pasado mes febreiro, o vigués podería perdelo este fin de semana debido aos seus compromisos internacionais, ao confirmarse que non estará na liña de saída. A porta queda aberta para o Mar de Frades, dos irmáns Paz, levado á cana polo liceísta Juan Debén, ao atoparse Carlos e Antón en Palma de Mallorca para disputar a Arenal Training Camps Trophy, regata previa ao Sofía de clases olímpicas.
Entre os candidatos tamén se atopa o Sori, de Ramón Ojea. O barco do Marítimo de Canido é terceiro no circuíto vigués. Cuarto clasificado é o vixente campión galego da clase, o Marvo, de Alberto Vello, lesionado nas últimas semanas, e nas que o seu posto estivo ocupado por Javier Martínez Lorente. E a quinta praza é do Sandokán, de Alberto Martín e Javi Porto.
Os Aceites Abril, dos ourensáns Pérez-Canle, co olívico Pablo Igrexas á cana, tamén confirmou a súa participación, do mesmo xeito que o Petrilla, do sansenxino Jaime Barreiro, líder do Grupo B – regatistas amateurs.
O Gran Premio O Corte Inglés de Platu 25 dispútase baixo a organización do Real Club Náutico de Vigo, coa colaboración do Concello vigués e a Autoridade Portuaria do Porto de Vigo. O Top na auga está marcado ás 15.00 horas o sábado e ás 10.30 da mañá o domingo.











