Esgótanse as entradas para os concertos en Pontevedra e Vigo da pianista Mine Kawakami

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedraVigo
A-
A+

A expectación levantada polos concertos que a pianista xaponesa Mine Kawakami ofrecerá na provincia de Pontevedra esta fin de semana logrou xa esgotar as entradas dispoñibles tanto para a súa actuación na cidade do Lérez como para o concerto que terá lugar en Vigo.

En total repartíronse preto de 1.000 entradas para a actuación que Kawakami ofrecerá ás seis da tarde do domingo 16 de marzo, no Teatro García Barbón de Vigo, e unhas 750 para o concerto do venres 14 no Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra, onde actuará ás 20 h.

Nos dous casos o aforo estará completo xa que desde o mediodía de onte, martes, non quedan localidades dispoñibles.

Malia todo, as persoas interesadas en gozar da actuación desta pianista e compositora xaponesa terán aínda unha oportunidade de facerse cunha entrada para a súa actuación en Vilagarcía de Arousa. Nesta localidade as invitacións poranse a disposición dos interesados a partir de mañá ás 9 e ata as 14 horas na oficina de protocolo do Concello.

Ofertaranse 200 entradas (un máximo de 2 por persoa) para completar o aforo do Salón García, onde terá lugar o concerto o vindeiro sábado 15 de marzo ás oito da tarde.

Estas actividades, paralelas ó Congreso Internacional da Camellia que promove a Deputación de Pontevedra, suporán a presentación na provincia da Sonata Samurai, composición de Kawakami con motivo do ano dual España-Xapón e na que trata de transmitir a través da música a experiencia da primeira delegación comercial xaponesa que chegou a España hai 400 anos.

12 de marzo de 2014 | 20:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.