Entréganse os premios do concurso de Tapas do Entroido de Teo

Entrega de premios
Esta mañá entregáronse no Concello os premios do Concurso de tapas do entroido celebrado en Teo dende o 21 de febreiro ao 9 de marzo. O alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Turismo, Anxo Rei, fixeron entrega dos premios ós clientes que cubriron os pasaportes e valoraron as tapas consumidas e recoñeceuse tamén ós establecementos que tiveron a tapa máis valorada e a máis consumida.
O espeto de porco con prebe de grelo e pataca con trompiños, do Chila Café (Calo) foi nesta edición a tapa gañadora, a mellor segundo as valoracións depositadas na urna polos clientes. A máis consumida foi a da Cervecería A Santa Sede (A Ramallosa), unha lasaña de entroido. Os responsables dos dous establecementos, Chila e Javier Mella, recibiron o diploma que os acredita como gañadores nestas dúas categorías.
Durante as dúas semanas de funcionamento deste concurso vendéronse nos establecementos participantes máis de 3.300 tapas, concretamente 3.342, segundo o número de papeletas depositadas nas urnas. A cifra pode ser maior xa que o feito de tomar a tapa non te obrigaba a cubrir a papeleta. Na primeira edición do TapasTeo contabilizáronse 3.080. A valoración da organización do concurso, Concello e hostalaría teense é positiva na medida en que se melloran as cifras de petiscos vendidos. Máis alá da cantidade, “este concurso tamén persigue a mobilidade da clientela, de xeito que as persoas acudan a establecementos novos co incentivo de probar a tapa e cubrir o pasaporte” destaca o edil Anxo Rei.
No acto de entrega de premios tiveron tamén un papel destacado os clientes que obtiveron algún premio nos sorteos realizados coas papeletas e cos pasaportes cubertos. Eva Pereiro, recibiu un abono anual para as instalacións da piscina municipal da Ramallosa. Fíxolle entrega do agasallo, Alberto Fernández, director do centro. O resto dos premiados foron, Fabián Romero, cun fin de semana de turismo rural de Teo; Paula Castiñeiras, cunha cea para dúas persoas, e Enrique Ferro, cunha cesta de produtos do mercado labrego de Teo, que lle entregou unha das produtoras, Dolores Lea.
O concurso de tapas do entroido tivo como particularidade que os petiscos debían ser elaborados con produtos e/ou preparacións típicas deste tempo de celebración. Deste xeito o cocido, a filloa ou os grelos foron algúns dos elementos que podían atopar nas distintas elaboracións.
Os locais participantes no concurso de tapas do entroido son os seguintes: Taberna Riveiro, Taberna Mella, Café A Senra, Casa Pernas, Bariloche Café & Restaurante, Parrillada As Brasas, A Capilla, Chila Café, Restaurante San Martiño, Restaurante Carboeiro, Touché Café Lounge, Canaletto, Cervecería Manu, Cafetería Maradentro e a Cantina do Mercado do alimento labrego dos Tilos.
Este concurso está organizado polo Concello de Teo e os hostaleiros participantes e conta coa colaboración da Piscina Municipal Cuberta da Ramallosa.











