Encontro en Monforte de profesionais do ámbito de intervención na violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Este xoves día 27 de marzo, de 12:30 a 15:00 h., celebrarase unha nova sesión da Mesa de Coordinación para a mellora de atención a vítimas de violencia de xénero.

A Mesa de Coordinación constituíuse no ano 2009 dende a concellería de Igualdade e a través do Centro de Información á Muller, coa finalidade de garantir, fomentar e implementar accións e formulas preventivas, xunto a unha atención de calidade para as vítimas.

A sesión da Mesa celebrarase na Sala de Reunións do Centro de Saúde de Atención Primaria de Monforte

A Mesa de traballo está composta por profesionais de toda a comarca de Lemos que pertencen ás distintas áreas de intervención. Estamos a falar dos ámbitos social, educativo, sanitario, corpos e forzas de seguridade do Estado, administración de xustiza e colexio de avogados de Lugo.

A composición da Mesa débese a que, neste materia, a coordinación supón un aspecto esencial da intervención, posto que se debe partir dunha intervención global e integral, e esta só é posible coa estreita colaboración entre profesionais.

Tódalas reunións da Mesa de traballo inícianse cunha sesión formativa en materia de violencia de xénero, que nesta ocasión versará sobre “As novas formas de exercer a violencia de xénero a través do uso das novas tecnoloxías”, impartida por Paula Sánchez, psicóloga e coach experta en intervención individual e grupal, especializada en igualdade e en apoio a mulleres en situación de vulnerabilidade.

Ó remate da formación, as persoas representantes de cada ámbito que conforman a Mesa, continuarán traballando os puntos marcados na orde do día coa finalidade última de mellorar a atención integral que precisa a problemática da violencia de xénero. 

26 de marzo de 2014 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.