Educación destinará 48.000 euros á reforma da fachada principal do CEIP Os Casais de Fene
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Os Casais, no concello de Fene, onde anunciou un investimento de 48.000 euros ao longo deste curso para acometer a reforma da fachada principal do centro co fin de mellorar o illamento do edificio e eliminar as humidades.
Acompañada polo alcalde, Gumersindo Galego, e pola directora do centro, Lorena Pita, Do Campo percorreu as dependencias, sinalando que os traballos comezarán esta mesma semana e compatibilizaranse coa actividade académica, sen interferir nela en ningún momento.
Do mesmo xeito, a delegada territorial destacou que a actuación no CEIP Os Casais –no que están matriculados 23 alumnos en Educación Infantil e 41, en Primaria-, inclúese no paquete de intervencións programado pola Xefatura Territorial de Educación de posta a punto dos centros educativos. Así, nos últimos meses, neste concello, tamén se ten actuado no colexio público integrado (CPI) A Xunqueira para reparar a instalación de fontanería.
Traballos de mellora en colexios e institutos da comarca
Na comarca de Ferrolterra, Educación prevé destinar este curso máis de 250.000 euros ao mantemento de preto dunha vintena de centros de Infantil, Primaria e Secundaria. Para a maioría dos traballos aproveitaranse os períodos non lectivos de Semana Santa e do verán, co fin de non interromper o desenvolvemento normal das clases.
Con estas actuacións, indicou a representante do Goberno galego na provincia, a Xunta “está a dar resposta ás necesidades educativas detectadas en cada municipio, cumprindo o compromiso adquirido coas comunidades educativas de cada centro, coas que se consensuaron estas medidas”. Na mesma liña, subliñou que “a Xunta traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos”.











