Dúas opcións para aprender artesanía na parroquia de Lamas
A asociación Xuntanza de Lamas organiza en colaboración co Concello un curso práctico de talla de madeira dirixido a persoas maiores de 16 anos. As inscricións poden facerse xa chamando aos teléfonos 636.578.690 e 664.203.738. Fai falla xuntar un mínimo de 10 persoas para levar a cabo a actividade para a que a entidade oferta 15 prazas. Porén, nesa parroquia tamén se pode aprender a traballar a lá da man da artesá Fina Casal, quen se ofrece a ensinar este labor tradicional de forma gratuíta.
O curso de talla de madeira terá unha duración total de 36 horas e impartirao a profesora Clara Naseiro os martes entre as 16 e as 19 horas. A asociación veciñal Xuntanza de Lamas informa de que o prezo por asistente variará dependendo do número de inscricións. Así, para 10 persoas o curso custará 112,40 euros, mentres que para 15 a cousa baixa a 75 euros por cabeza.
Nesta actividade aprenderanse nocións básicas sobre a labra decorativa de madeira, útil para facer pezas ornamentais ou para recuperar partes estragadas de mobles que queiramos restaurar. O curso desenvolverase no local social da entidade.
Tamén en Lamas, a artesá Fina Casal impartirá clases gratuitas para todas e todos os interesados sobre o fiado da lá, co obxetivo de recuperar e transmitir este oficio tradicional. Fina aprendeu a fiar de nena. A súa avoa ensinoulle a tecer calcetíns, xerseis, chaquetas e outras pezas de roupa ou para adorno. Ten máquinas de fiar, fusos, cardas e mesmo rapa as súas propias ovellas para obter materia prima.
Fina Casal é das poucas que manteñen vivo o oficio na actualidade e agora quere contribuír á súa difusión. Por iso ofrece o seu saber a través de clases gratuítas dirixidas a maiores de 6 anos que terán lugar na súa casa.











