Dúas funcións teatrais amosarán aos escolares de Ourense a influencia do márketing nos hábitos de consumo
Con motivo da celebración, o día 15 de marzo, do Día Mundial do Consumidor, a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) do Concello de Ourense organizará durante os meses de marzo e abril dúas representacións teatrais dirixidas a alumnado de Educación Infantil e Primaria.
A obra “Cling”, escrita e dirixida polo Grupo Trécola, fai referencia ao impacto da moeda nas relacións comerciais, e será representada en 18 centros educativos da cidade desde o próximo 19 de marzo.
A sinopse da obra é a seguinte: do autoabastecemento ao troco, cóntase a historia -en clave cómica- do home vencellada ás relacións comerciais e ao uso da moeda desde os inicios ata a actualidade.
A segunda das obras, denominada “Xan Perillán compra queixo e compra pan”, escrita e interpretada por Marcelino de Santiago “Kukas”, e dirixida por Isabel Rey Pousada, amosará entre escolares de 14 centros educativos a influencia do márketing nos hábitos de consumo.
Sinopse: continuando coas súas andainas, o amigo Xan Perillán vai mercar ao Hipermegasupermercado “O Rato Colorado”, mais o trasno das ofertas perségueo: mercará ben ou se deixará engaiolar polos enganos do consumismo? A súa inexperiencia mercando vaille levar a situacións cómicas e absurdas, pero, conseguirá coa súa maxia mercar axeitadamente?











