Doan unha peza mural de Ricardo Segura Torrella ao Centro Torrente Ballester de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Centro Torrente Ballester de Ferrol inaugura o próximo venres 14 de febreiro ás 19.00 horas a tempada expositiva de 2014 coas exposicións Puntos de pintura e Gravados da Colección de Arte Concello de Ferrol. Acompañando ás inauguracións, realizarase o acto de presentación dunha obra mural do artista ferrolán Ricardo Segura Torrella doada ao Concello de Ferrol por Miguel Loureiro Rico e que permañecerá exposta de manera permanente no espazo do Centro Torrente Ballester.

Puntos de pintura é un proxecto -expositivo e editorial- comisariado por Sara Donoso que nace coa intención de achegarnos a unha serie de artistas nos que o tamaño das súas pinturas é menos relevante que o seu peso e a súa forza. Son pinturas de argumentos mínimos, que nacen a partir do ínfimo para pronunciarse con gran potencia e elegancia. Punto de pintura conta coa presencia de importantes artistas internacionais como Daniela Krtsch (Göttingen, Alemania, 1972) ou Fernando Velázquez (Montevideo, 1970), españois como Nacho Martín Silva (Madrid, 1977), Vítor Mejuto (Barcelona, 1969) e Teo Soriano (Mérida, 1963), e galegos como Arantza Pardo (A Coruña, 1991) ou as ferrolás María Ledo Olcoz (Ferrol, 1964) ou Sofía Piñeiro (Ferrol, 1981).

Ao longo da exposición oito artistas compoñen os seus pequenos mundos entre as paredes do espazo máis novo do Centro Torrente Ballester, expandindo as súas obras como minúsculos puntos onde deter a nosa atención. O traballo de Teo Soriano, por exemplo, preséntase como unha sorte de espazo intermedio onde a pintura abandona a súa condición bidimensional para facer vibrar a materia. Engadindo unha nota cromática, a pintura de formas xeométricas e cores vibrantes domina o traballo de Vítor Mejuto. Adoptando a propia historia da pintura como modelo e tema, Nacho Martín Silva aborda a construción das imaxes como un proceso redutor onde a imaxe funciona como espectro nuns casos e como fragmento noutros. No traballo da artista ferrolá María Ledo Olcoz o formato intensifica a forza da pintura. As súas pezas achégannos a un universo subxectivo, onde os pequenos detalles parecen inundar o lenzo para reivindicar unha orixe distinta. Os vídeos de Fernando Velázquez fálannos de pintura, de memoria, de tecnoloxía, de percepción, tatuaxes de formas orgánicas que nacen dunha previa descontextualización produto da deconstrución dixital en tempo real. A obra de Arantza Pardo enlaza un sistema de caos que busca reinventarse contra certas categorías establecidas do pictórico que se esforzan en diferenciar entre pintura figurativa e abstracta ou abstracción xeométrica e abstracción orgánica. A pintura de Daniela Krtsch configúrase a partir de tons escuros cos que rescata momentos do cotián ou o novelado e está cargada dunha forte calidade escenográfica. Para completar a exposición, cóntase co universo de Sofía Piñeiro, que bascula entre o naif, o kitsch e o pop. As súas obras confórmanse partindo dunha base de debuxo desde a que se proxecta un espazo para o pictórico marcado por unha cor de sombreado duro e infantil.

Gravados da Colección de Arte Concello de Ferrol

Adiantando e anunciando a nova edición do Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos, preséntase unha exposición retrospectiva adicada á posta en valor do legado que na disciplina de gravado garda a Colección de Arte do Concello de Ferrol e que se atesoura no propio Centro Torrente Ballester. Precisamente, unha das máis importantes achegas realizadas á Colección é a feita polos traballos dos artistas que por seren gañadores do concurso, fixeron doazón da súa obra pasando a formar parte da Colección do Centro.

Gravados da Colección de Arte Concello de Ferrol é o nome desta exposición que recolle traballos de artistas galegos que hoxe en día se teñen significado como figuras claves da arte contemporánea e cuxos gravados atesoura a Colección Concello de Ferrol. Rafael Baixeras, Berta Cáccamo, Xavier Correa Corredoira, Juan de la Colina, Manuel Facal, Anxel Huete, Menchu Lamas, Luis Seoane, Xurxo Oro Claro, Cruz Pérez Rubido ou Manuel Quintana Martelo, son algúns dos nomes que constrúen este paseo polo legado dos artistas galegos máis contemporáneos.

Partindo da figura de Luis Seoane, o máis senlleiro dos artistas de apertura dentro do considerado o grupo dos renovadores, Gravados da Colección de Arte Concello de Ferrol, realiza unha revisión da Colección á vez que percorre con algunhas obras as últimas décadas de historia do Premio Máximo Ramos. O paseo pola arte dos oitenta, da man dos artistas de Atlántica, ou a presenza dalgún representante deses artistas chamados sen xeración coma Berta Cáccamo ou Xurxo Oro Claro, completan o percorrido que ten como protagonista especial a Manuel Facal, do cal poderá verse unha carpeta completa de gravados que atesoura o Centro Torrente Ballester e outras obras que nos permiten facer un percorrido pola súa obra en gravado durante as décadas dos setenta, oitenta e noventa.

12 de marzo de 2014 | 12:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.