‘Distintas Miradas’ na Sala de Exposicións de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Dende as 20 horas do martes día 11 e ata o día 2 de abril, a Sala de Exposicións de Verín acolle a mostra colectiva ‘Distintas Miradas’, con obras de membros da Asociación Fotográfica “O POTIÑOS”. No acto de apertura, algúns dos fotógrafos participantes falarán sobre os aspectos técnicos e artísticos das obras que se expoñen.

Distintas miradas dos Potiños

Nun ámbito de motivación creativa e do liberdade absoluta nace ‘Distintas Miradas’, exposición que acollerá, despois do seu paso por Verín, o Centro Cultural da Deputación de Ourense. No Outono Fotográfico 2013, a Asociación Fotográfica “O POTIÑOS” participou con varias exposicións individuais e unha colectiva. Para esta última, adoptaron unha opción radical a favor da “liberdade total”. Pídese a cada un dos membros da asociación que presente dúas fotos que considere como representativas da súa forma de mirar. A liberdade foi absoluta, en canto á elección do tema, da técnica, do revelado, da estética… O obxectivo conseguido é o de mostrar as formas de expresarse dos diferentes membros da asociación.

Asociación Fotográfica “O POTIÑOS”

A Asociación Fotográfica “O POTIÑOS” naceu no Carballiño no ano 1985. De Don Gabriel Alonso, fotógrafo profesional popularmente coñecido polo nome de “O POTIÑOS”, tomou o nome a asociación. Dende a súa creación a asociación permaneceu activa, desenvolvendo diversas iniciativas, todas relacionadas coa fotografía. Maratóns fotográficos, concursos fotográficos, exposicións, cursos de fotografía, saídas en grupo a diversos lugares para tomar fotografías, participación en varias edicións do Outono Fotográfico, con exposicións colectivas como tamén con exposicións individuais dalgúns dos seus membros, entre outras. Ao longo de todos estes anos a asociación e os seus membros viñeron expoñendo as súas fotografías en moitos lugares (Ourense, O Carballiño, Lalín, Santiago de Compostela, Oleiros, Viveiro, ou Malpica). Dúas exposicións que paga a pena destacar dun modo especial. Unha no ano 2005, no Mosteiro de Oseira, que mostraba unha importante colección de imaxes en branco e negro do Mosteiro e do seu ámbito. Outra é a exposición colectiva que se fixo en Monçâo (Portugal), no mes de marzo do ano 2010, que foi seguida logo de varias mostras individuais dalgúns dos membros da asociación nos meses de maio, xullo e setembro dese mesmo ano.

Ao longo dese periplo de case trinta anos, a asociación foise adaptando aos diversos cambios tecnolóxicos que se produciron no mundo da fotografía. Da cámara analóxica á dixital, do revelado de fotos en branco e negro no cuarto escuro ao revelado no ordenador con programas informáticos. Pero sempre sen perder o fío esencial: a fotografía como arte.

10 de marzo de 2014 | 10:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.