Dispositivo extraordinario do Concello da Coruña ante un novo episodio de condicións meteorolóxicas adversas
O Concello da Coruña, a través da concellaría de Seguridade e Mobilidade que dirixe Xullo Flores, fai un chamamento á prudencia dos cidadáns ante un novo episodio de condicións meteorolóxicas adversas que se iniciará ás 06.00 horas de mañá, luns 3 de marzo, e informa da posta en marcha dun dispositivo extraordinario de seguridade e emerxencias que velará polo benestar dos veciños.
Segundo as previsións, a costa coruñesa podería permanecer en alerta vermella desde as 06.00 horas do luns, sendo as horas comprendidas entre as 13.00 e as 19.00 as máis perigosas, xa que a pleamar está prevista ás 18.00 horas nun momento que coincidirá con mareas vivas. A isto hai que sumar unha alerta laranxa por vento en terra que comezará esta medianoite e que se intensificará á primeira hora da mañá do luns.
Ante esta situación, o Concello da Coruña establecerá un dispositivo especial de emerxencias e seguridade, no que colaborarán un centenar de efectivos de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil, que adoptará as seguintes medidas, en función da evolución destes fenómenos meteorolóxicos: prohibición de acceso ás praias precintando as entradas; posible prohibición do paso dos peóns ás zonas do paseo marítimo e costeiras que poidan verse afectadas a ondada, con especial atención á zona comprendida entre Orzán e Riazor, pero tamén na contorna de Veramar e Adormideras; e posibles cortes de tráfico en función, tamén, da incidencia da ondada. En caso de ser necesario, produciranse os seguintes cortes:
Lugar |
Incidencia |
|
Paseo Marítimo/Praia Club |
Corte tráfico cara a Rubine e desvío cara a avenida Calvo Sotelo |
|
Calvo Sotelo/Alfredo Vicenti |
Desvío tráfico cara a Alfredo Vicenti |
|
Pondal/Paseo Marítimo |
Corte tráfico |
|
Fonte as Catalinas |
Aviso aos responsables do parking de peche de saída |
|
Rexedor Somoza/Paseo Marítimo
|
Corte tráfico cara a Paseo Marítimo dirección Riazor e/ou desvío por Comandante Fontanes si fose necesario |
|
Rúa Alta/Paseo Marítimo
|
Desvío Tráfico cara a Juan Canalejo ou Paseo Marítimo dirección Torre |
|
Paseo Marítimo/Cale Sol/Hospital
|
Corte tráfico Paseo Marítimo en dirección Riazor e desvío cara a rúa Hospital |
En función da evolución do temporal, tamén poderían verse afectadas por cortes de tráfico puntuais a zona do paseo marítimo á altura de Veramar ou o barrio de Adormideras.
Con respecto á alerta por vento, suspéndense as actividades que puidesen estar previstas ao aire libre por parte das Concellarías de Educación e Deportes e tamén de Cultura (o que implica suspender as actividades de entroido previstas nos xardíns de Méndez Nuñez pola mañá xa que, dependendo de como evolucione a alerta de vento, as actividades da tarde poderían manterse). Tamén se pecharán parques e xardíns. O Concello realiza un chamamento á colaboración dos cidadáns e recomenda seguir os seguintes consellos:
NO MAR
Como previr
Non se achegue ao mar, praias ou cantiis apartados ou que non coñeza.
Non exceda as zonas indicadas ou sinalizacións temporais aínda que sexan unha simple cinta.
Nunca se bañe nas praias con bandeira vermella e nas zonas onde haxa forte ondada e resaca.
Evite realizar prácticas deportivas e náuticas.
Si aprecia certa ondada, non permaneza preto do mar nin se achegue aínda que se acougue de súpeto.
Non se sitúe no extremo de peiraos ou espigóns, nin onde rompen as ondas.
Mantéñase permanentemente informado a través da radio e doutros medios de comunicación das predicións meteorolóxicas e do estado da situación.
Como actuar
Si cae á auga, apártese de onde rompen as ondas, pida auxilio e espere a que lle rescaten.
Si tenta saír e é arrastrado pola ondada, procure acougarse; non nade contracorriente e déixese levar. Polo xeral, as correntes costeiras perden intensidade noutros tramos e é entón cando debe nadar.
En caso de emerxencia chame ao 112.
VENTOS
Como previr
Peche portas e xanelas.
Retire de balcóns e azoteas todos os obxectos que poidan caer á rúa e provocar un accidente.
Comprobe antenas, toldos, estadas e valos publicitarios e refórceas en caso necesario.
Aprace os desprazamentos por estrada; e, en caso de facelos, extreme as precaucións.
Mantéñase permanentemente informado a través da radio e doutros medios de comunicación das predicións meteorolóxicas e o estado da situación.
Como actuar
Evite camiñar por zonas arboredos.
Afástese de muros, guindastres, estadas, letreiros luminosos, valos publicitarios e demais estruturas que poidan ser derrubadas polo vento.
Procure afastarse da costa (praias, paseos marítimos, espigóns de peiraos, etc…) para evitar ser golpeado ou arrastrado pola acción das ondas.
Circule amodo e con precaución ante a posible presenza de obstáculos na vía ou golpes de vento que lle fagan perder o control do seu vehículo, especialmente nos adiantamentos.
En caso de emerxencia chame ao 112.











