Dezaoito restaurantes da bisbarra de Verín participan nas Xornadas Gastronómicas do Inverno en Puertas de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Un total de dezaoito restaurantes das comarcas de Verín e Conso-Frieiras forman parte das Xornadas Gastronómicas do Inverno, promovidas desde o Plan de Competividade Puertas de Galicia, co obxecto de promocionar os produtos típicos desta estación, con especial atención ao cocido, matanza e doces típicos.

Os establecementos participantes nesta iniciativa, que finalizará a finais deste mes de marzo, son Restaurante Lugano, Restaurante Brasil, Casa Manola, Restaurante Bayona, Bar Gandainas, Restaurante Spa Vilavella, Restaurante Bruma II, Mesón O Candil, Casa Elena, Mesón Castaño, Cazador, Casa Zapatillas, Aldea Rural A Cortiña,  Área de Servizo O Viaxeiro, O Augueiro, Asador’s Jose, Café Rock Jose, Mesón de Erosa, O Carrizo, Hacienda Airabella, Mirador da Ribeira, Mesón Fiadeiro, Catro Ventos II e Casa Chelo. Nos mesmos, e entre os 10 e 25 euros, poderanse degustar pratos como piquillos recheos de crema de queixo azul e xamón de porco celta, androlla con grelos e cachelos, cocido galego, revolto de grelos con cambas, carrilleira de tenreira con froitos da nosa horta, polbo grelado sobre cachelos ao aceite virxe extra, galo de curral estufado con cachelos e en ensalada da horta, filloas flambeadas, quesada montañesa, torta de tres chocolates, bica de castañas ou bica de noces e pasas. Unhas exquisitas combinacións gastronómicas dos produtos da terra acompañados por viños da Denominación de Orixe Monterrei e augas de Verín.

A esta iniciativa de inverno, enmarcada dentro do proxecto ‘Catro Estacións Gastronómicas en Portas de Galicia’, tamén se suman as adegas Quinta do Buble, Crego e Monaguillo e Gargalo, así como os establecementos A Casa das Bicas, Panadería Gilpe, Chacinería Carnicería A Matanza, Área de Servizo O Viaxeiro, Mesón de Erosa, Panadería Guerra, Panificadora Bello e Hijos, Pazo do Mel, Pastelería Primavera, Pastelería Doña Bica, O Forno da Corbaceira, Ánades Galicia, Embutidos y Salazones García Marcos e Terra de Baronceli. Todos eles ofertan produtos típicos desta estación a prezos especiais. Do mesmo modo que realizan ofertas en aloxamentos nos establecementos Lugano, Cazador, Aldea Rural A Cortiña, O Augueiro, Mesón de Erosa, O Carrizo, Hacienda Airabella, Mirador da Ribeira, Catro Ventos II e O Retiro do Conde.

Por outra banda, está a finalizarse a edición do libro ‘Gastronomía en Portas de Galicia’, que recollerá receitas tradicionais destas dúas comarcas ourensás, Verín e Conso-Frieiras, elaboradas polos restaurantes participantes no proxecto ‘Catro Estacións Gastronómicas en Portas de Galicia’.  Ademais a finais deste mes realizaranse os obradoiros gastronómicos que permitirán, aos restaurantes que forman parte desta iniciativa, comezar a preparar as Xornadas Gastronómicas de Primavera.

O Plan de Competitividade Puertas de Galicia está promovido por Turespaña, Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia e once municipios (Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso), integrados na Asociación de Municipios para o Plan de Competitividade Turística das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras, e a Asociación de Empresarios de Turismo e Hostalería Puertas de Galicia. Entre os obxectivos deste plan están a busca de especialización tanto no destino como no produto, deseñar unha oferta capaz de introducir a experiencia turística como elemento motivador da viaxe, así como a busca da mellora da competitividade das PEMES e MPEMES turísticas para lograr a sostenibilidade do territorio.

13 de marzo de 2014 | 11:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.