Destínanse 800.000 euros ás explotacións agrarias coruñesas para a modernización da maquinaria en réxime asociativo
Ata 21 cooperativas e sociedades agrarias da provincia da Coruña recibirán diversas achegas por importe total de 828.709 euros para a modernización da maquinaria que utilizan en réxime asociativo. A resolución destas axudas concedidas a través da Consellería do Medio Rural e do Mar publicouse hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, subliñou a importancia desta liña de subvencións para actividade do sector, “tendo en conta o elevado investimento que require a modernización das explotacións agrarias e aos beneficios que reporta a Galicia ter un sector primario moderno, forte e competitivo”.
Na mesma liña, Do Campo recordou que o obxectivo do departamento autonómico é o de incidir na introdución das novas tecnoloxías e na ampliación das unidades de explotación no medio rural, ben reorganizando a propiedade ou ben a través da unión dos titulares en sociedades comúns. Así, as achegas concedidas serven para introducir maquinaria moderna e minimizar os custes das explotacións, á vez que se melloran as condicións de traballo e se reducen as emisións contaminantes.











