Destacados actores galegos protagonizarán a “Primavera teatral” de Paiosaco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha presenta o programa do cuarto ciclo de teatro de Paiosaco. A “Primavera Teatral”, que se desenvolverá ao longo do mes de abril no auditorio do centro sociocultural da citada localidade, constará de tres espectáculos de alta calidade e que serán protagonizados por destacados actores do panorama audiovisual galego.

Como en anteriores edicións deste programa, as funcións serán os venres a partir das 21.00 horas, sendo a asistencia gratuíta para todos os veciños do municipio.

O Concello da Laracha volve apostar por achegar o teatro á veciñanza en xeral, con propostas especialmente dirixidas ao público adolescente e adulto naa que o humor, a ironía e a comedia serán os principais protagonistas, pero deixando oco, tamén, á nosa cultura e a importantes capítulos da historia recente galega.

A “Primavera Teatral” de Paiosaco comeza a afianzarse como un dos grandes referentes na programación cultural que o Concello da Laracha desenvolve ao longo do ano, sendo complementario ao ciclo “Venres Teatrais” que ten lugar na Laracha durante o mes de novembro.

FUNCIÓNS

4 de abril: Radio Torreiro, con Pedro Brandariz e Felipe Díaz “Caxoto”.

“Radio Torreiro” é unha emisora radiofónica que en cada función teatral fai unha emisión en directo co público como protagonista e único receptor.

Esta emisora tan particular é temática: encárgase de recoller toda a información vinculada ás festas, verbenas, romarías e demais celebracións populares que poboan Galicia durante todo o ano.

Os coñecidos actores cómicos Pedro Brandariz e Felipe Díaz “Caxoto” irán debullando os diferentes programas da grella onde se irán recollendo as escenas máis cómicas das festas:  os bailes da sesión vermú, as encherolas das festas, as repichocas das verbenas, as incómodas situacións á hora de pedir para a festa… Todo dende un punto de vista humorístico, irónico e mordaz.

O espectáculo vai preferentemente dirixido ao público adulto

11 de abril: As do peixe, guión de Cándido Pazó.

Un dos espectáculos triunfadores dos premios María Casares entregados o pasado xoves é As do Peixe, que obtivo tres galardóns ao mellor guión orixinal (realizado por Cándido Pazó), á mellor dirección (de Cristina Domínguez) e á mellor actriz protagonista (Susana Dans, coñecida para o público en xeral polo seu papel de Olimpia en Pratos Combinados).

Precisamente Susana Dans encabeza un elenco de luxo que completan as actrices Monica Caamaño, Casilda Alfaro e Rocío González. A obra, dirixida preferentemente a maiores de 14 anos de idade, é unha viaxe a través da memoria xa que escenifica a crónica das mulleres traballadores da conserva baseaándose en testemuñas reais.

Cóntase a historia de catro mulleres que se reúnen periódicamente nun espazo público adicado á memoria das conserveiras para lembrar o seu pasado laboral e o de tantas mulleres que, despois de que a fábrica de conservas máis importante da zona pechase tras moitas loitas e desengaños, víronse sen traballo e sen posibilidades reais de volver recuperalo.

25 de abril: Sede de mal, protagonizada por Luis Iglesia e Xabier Deive.

Os coñecidos actores Luis Iglesia (Matalobos e Terra de Miranda) e Xabier Deive (Matalobos e Padre Casares) dan renda solta ao seu lado máis salvaxe e divertido nesta comedia dirixida ao público adulto.

O completo espectáculo mestura humor, teatro e música ao vivo (con blues e rock and roll “á galega”) con dous dos personaxes máis importantes do actual audiovisual galego. 

29 de marzo de 2014 | 12:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.