Desaparecido en Pontevedra un xoven de 17 anos do que se perdeu a pista o pasado venres

José Manuel Mosquera Grela
Compañeiros, familiares e amigos buscan ao xoven José Manuel Mosquera Grela, de 17 anos, do que nada se sabe dende o pasado venres cando saíu da súa casa para dirixirse ao instituto, aínda que nunca chegou a entrar. Segundo informaron os pais do menor a pontevedraviva.com, dous días antes entregaran as notas no centro pero o xoven non chegou a comentalo na casa para o día de autos utilizar a excusa de recoller as avaliacións máis tarde e ir xantar cos amigos para que súa nai non o levase ata o instituto como facía habitualmente.
Ao comprobar que xa era media tarde e o seu fillo non regresaba comezaron a chamalo por teléfono, dando apagado. Revisando a súa habitación descubriron dentro dun caderno as notas de José Manuel, bastante peores que de costume, e tamén comprobaron que faltaba algunha roupa e que deixara o teléfono móbil aínda que si levara a tarxeta SIM.
Tras falar con amigos e comprobar que non sabían nada do xoven, acudiron á comisaría da Policía Nacional e xunto cos compañeiros de José Manuel comezaron unha campaña para denunciar a súa desaparición a través das redes sociais. Descartan que puidera viaxar a algún lugar lonxe da cidade xa que non solía ter máis que pequenas cantidades de cartos, uns 30 ou 40 euros.
Pais e amigos do xoven solicitan a colaboración cidadá para localizalo. Quen teña algún dato, pode porse en contacto coa Comisaría (091) ou a través do teléfono 660 466 347.











