Declaración da Deputación de Ourense con motivo do Día Internacional da Muller
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense na súa reunión de hoxe aprobou a seguinte declaración con motivo do Día Internacional da Muller:
“A Organización das Nacións Unidas comezou a celebrar o Día Internacional da Muller o 8 de marzo de 1975, ano internacional da muller, coa idea de que a súa conmemoración axude a incrementar o apoio aos dereitos e á participación das mulleres nas esferas política e económica, unha celebración que se institucionalizou en decembro de 1977 cando a Asemblea Xeral de Nacións Unidas proclamou o 8 de marzo como Día Internacional da Muller. Esta iniciativa aséntase no feito de que a Declaración universal de dereitos humanos, aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, o día 10 de decembro de 1948, dispón, no seu artigo 2º, que “toda persoa ten todos os dereitos e liberdades proclamados nesta declaración, sen distinción ningunha de raza, color, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica nacemento ou calquera outra condición.”
Dende a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense queremos sumarnos a esta celebración co convencemento de que para acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria é imprescindible seguir modificando comportamentos, actitudes, normas e valores sociais co obxectivo de acadar a igualdade real entre todos os seres humanos. Queremos sumarnos tamén ao lema que, para esta edición, proclamaron as Nacións Unidas “Igualdade para as mulleres: progreso para tod@s”, xa que, citando as verbas do secretario xeral das Nacións Unidas, Ban Ki-Moon, “os países nos que hai máis igualdade de xénero experimentan un maior crecemento económico. As empresas que contan con máis mulleres liderándoas acadan mellores resultados. Os acordos de paz que inclúen ás mulleres son máis duradeiros. Os parlamentos nos que hai máis mulleres aproban máis leis sobre cuestións sociais clave como a saúde, a educación, a loita contra a discriminación e a manutención dos nenos. As probas non deixan lugar a dúbidas: a igualdade da muller supón un progreso para tod@s.”
En definitiva, dende a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense somos conscientes de que se teñen dado moitos pasos para avanzar na consecución da igualdade efectiva entre homes e mulleres pero, ao mesmo tempo, somos conscientes de que aínda resta moito camiño por andar. Por iso, seguiremos traballando a prol da muller articulando políticas, dentro das nosas competencias, que nos permitan seguir avanzando de xeito firme e decidido cara a unha sociedade máis igualitaria e, polo tanto, máis xusta.











