CXG recolleu polas rúas compostelás sinaturas para a disolución do Concello de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

Compromiso por Galicia (CXG) saíu este xoves ás rúas da capital galega para levar a cabo unha recollida de sinaturas para “solicitar a disolución da corporación” de Santiago de Compostela e a constitución dunha xestora.

A este respecto, o secretario xeral desta formación, Xoán Bascuas, criticou a actitude do presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, ante a situación que vive a cidade pendente da resolución do recurso presentado contra o xuízo oral contra os sete edís imputados por asinar o pagamento da defensa ao concelleiro Adrián Varela. Así, lamentou que “entre o partido e Santiago”, o mandatario autonómico “elixe ao PP”.

Bascuas advirte de que o presidente galego quere “esgotar o prazo para, a partir de maio non ter que convocar novas eleccións á corporación”, unha cuestión que considera “pouco serio e pouco responsable”.

Pola súa banda, o secretario local, Modesto Toribio, sinalou que a actual situación provoca unha “absoluta parálise municipal”. “Mentres están preocupados pola súa defensa, non hai quen goberne Santiago, os proxectos se paralizan, as obras duran eternamente, como en San Pedro, e as rúas quedan sen asfaltar”, remarcou.

O manifesto para o que CXG recolle sinaturas apela á necesidade dun “bo goberno”, xa que a actual situación “provoca alarma social, descrédito da institución e xera a desconfianza da cidadanía cara ás institucións democráticas”.

6 de marzo de 2014 | 20:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.