publicidade hoxe

Culleredo crea no Burgo un centro municipal para as asociacións sociosanitarias do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal Portada
A-
A+

O Concello de Culleredo referenda a súa aposta de apoiar ao tecido asociativo como vía para incrementar os servizos aos veciños coa creación do centro municipal asociativo da Escada. Sitúase no Burgo, na primeira planta das antigas oficinas da fábrica A Cros, que hoxe acollen na súa planta baixa o centro municipal de formación ocupacional para persoas con discapacidade intelectual.

O alcalde de Culleredo, Xullo Sancristán, e a concelleira de Benestar Social, Lupe Pombo, presentaron hoxe aos medios as novas instalacións, que será inauguradas oficialmente este venres, 28 de marzo, ao sete da tarde.

En concreto, o centro municipal acollerá a sede de 14 asociacións de ámbito sociosanitario. Ofrecerán un servizo social aos veciños de Culleredo que doutra forma non terían.

Sancristán sinalou neste sentido a decisión do goberno municipal de potenciar o traballo coas entidades do terceiro sector para levar a cabo diferentes programas e actividades. E é que, apuntou, os Concellos carecen de competencia directa en servizos sociais e sanidade, algo agravado coa nova lei, pero Culleredo articula así unha oferta á que até agora accedían unhas 3.500 persoas e que augura que serán máis ao contar agora cun espazo fixo.

“Mentres non se poña en perigo a sustentabilidade da economía municipal seguiremos investindo neste tipo de programas que redundan nos colectivos que máis o necesitan”, afirmou o primeiro edil. En efecto, as asociacións que reciben espazo neste centro diríxense a colectivos como os inmigrantes, enfermos crónicos ou persoas con discapacidade.

As entidades que forman parte deste centro son:

• Asociación de inmigrantes Mestura

• AEAL

• Anhida

• Dismacor

• Agaefa

• Afadips

• Agaxfra

• Alma

• Asgate

• Médicos do Mundo

26 de marzo de 2014 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.