publicidade hoxe

Culleredo aprobará en pleno 1,5 millóns do superávit para a reforma integral de Servizos Múltiples e do campo de fútbol de Rutis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

Os bos resultados orzamentarios permiten ao Concello de Culleredo dedicar parte do superávit cultivado á realización de dúas das máis necesarios investimentos para o municipio. O goberno local esperaba desde hai meses a autorización do Goberno do Estado ás administracións locais para poder destinar superávit ao capítulo de investimentos.

En febreiro, o Goberno central aprobou o Real Decreto-Lei que abriu as portas á realización de actuacións a cargo do remanente. Por iso, o goberno local leva hoxe a pleno o expediente de gasto extraordinario que consignará estes investimentos. A liquidación do orzamento do exercicio 2013 reflicte un remanente de tesouraría positivo de 3.098.793,08 euros, cunha capacidade de financiamento de 3.019.009,05 euros. Esta situación é a que permite ao Concello esta decisión.

En concreto, serán 1.578.932,81 euros os dedicados a investimentos. A previsión do Concello é que a reforma do Edificio de Servizos Múltiples do Burgo necesite 814.275 euros e a remodelación do campo de fútbol de Rutis, 7654.657,81 euros.

No caso do Edificio de Servizos Múltiples, a actuación consistirá na súa renovación integral. Trátase do principal centro municipal na zona urbana, acollendo unha rica programación cultural, albergando a Biblioteca coa súa sala infantil, e oficinas municipais. O edificio, con máis de 25 anos de vida, demanda unha reforma completa para modernizalo e adaptalo ás necesidades dos usuarios.

A reforma do campo de fútbol de Rutis constitúe unha petición dos centos de usuarios que ten cada semana. O Concello dotarao de céspede artificial e iluminación para ofrecer un servizo adecuado aos veciños.

O expediente de crédito que vai a pleno complétase con 226.030,15 euros máis, destinados ás obrigacións de pago pendentes tras o peche do exercicio 2013.

O Concello xa aprobou o ano pasado destinar 1,15 millóns de euros á amortización de gran parte do crédito ICO solicitado para o pago a provedores tras as medidas ordenadas desde o Goberno en 2012. Os bos resultados permitiron esa amortización rápida e dispor aínda de fondos para estes investimentos, que entran dentro da consideración de sustentables, tal e como referenda a propia interventora.

O goberno local aposta por aproveitar os “importantes esforzos económicos” asumidos para poder levar a cabo actuación de “máximo interese” para os veciños de Culleredo, que verán mellorados os seus servizos administrativos, culturais ou deportivos.

27 de marzo de 2014 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.