Cortado o tráfico na N-525 en Ourense a causa do accidente dun camión de propano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurenseSucesos
A-
A+

Efectivos de emerxencias cortaron o tráfico na estrada N-525 ao seu paso por Ourense a causa dun accidente sufrido por un camión que transportaba propano.

Segundo informou a Central de Emerxencias 112-Galicia, o camión saíuse da vía á altura do quilómetro 236 e quedou inclinado sobre a cuneta. O suceso tivo lugar pasadas as 15.00 horas.

Aínda que non se produciron danos materiais nin persoais, dado que o camión transportaba mercadorías perigosas, co fin de garantir a seguridade, os efectivos de emerxencias procederon a acordoar a zona, cortando o tráfico, e a evacuar os habitantes dunha vivenda próxima.

No operativo para retirar o vehículo da estrada participan os Bombeiros de Ourense, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local e Protección Civil.

4 de marzo de 2014 | 20:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.