Cores Tourís supervisa as obras de aforro enerxético levadas a cabo no Concello de Vila de Cruces

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVila de Cruces
A-
A+
Cores Tourís na visita a Vila de Cruces

Cores Tourís na visita a Vila de Cruces

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, aproveitou o Día Internacional do Aforro Enerxético para comprobar as obras que, con este fin, executou o concello de Vila de Cruces, apoiado pola administración autonómica, e que supuxeron a instalación de novas luminarias en diversos puntos do concello.

Esta obra executouse grazas a unha axuda concedida á agrupación de concellos de Vila de Cruces, Vedra e Boqueixón, e no caso concreto de Vila de Cruces supuxo un investimento de 60.000 euros, dos cales, algo máis de 49.000 euros, foron aportados a través da Consellería de Economía e Industria.

Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Jesús Otero, así como polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial.

Neste concello actuouse en 84 puntos de luz tanto na avenida Benigno Sánchez Méndez como no lugar de AGriño coa substitución das lámpadas por novas luminarias led, cun sistema de aforro para baixar o consumo a partir dunha hora e tamén coa reforma do cadro de mando.

O aforro enerxético, segundo apuntou o alcalde da localidade será moi importante. “Deste xeito, conseguiremos aforrar algo máis de 12.000 euros ao ano das arcas municipais”, explicou Otero, quen engadiu que “certos alumeados estaban moi desfasados no que a consumo se refire, de ahí que apostáramos por esta axuda do Inega para modernizar o sistema eléctrico e así axustar o gasto”.

Deste xeito, o concello dezano acolleuse, consorciado, a orde de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética publicada o ano pasado pola Consellería de Economía e Industria a través do INEGA.

Segundo recordou Cores Tourís, o INEGA volveu a apostar pola mellora enerxética abrindo, a comezos de ano, unha nova liña destinada a proxectos de renovación de instalación de iluminación pública exterior e contará cun orzamento global para o 2013 de case 3 millóns euros para toda Galicia.

O delegado territorial rematou insistindo no feito de que “coa execución destes proxectos obtense un importante aforro enerxético e económico, de ata un 50% na factura eléctrica das instalacións substituídas. Así se contribúe á mellora da situación financeira das administracións locais. Ademais acadaranse importantes vantaxes ambientais, como a redución das emisións de CO2 ou a diminución da contaminación lumínica que sofren os concellos”.

Cores Tourís non quixo deixar de apuntar a importancia “do día que hoxe celebramos en todo o mundo, o da Eficiencia Enerxética, xa que se trata dunha data para reflexionar sobre o uso racional que lle damos á enerxía. Temos que ser conscientes da importancia do noso medio ambiente e, por tanto, da necesidade de facer todo o que estea na nosa man para intentar frear o esgotamento dos nosos recursos naturais e, por suposto, o cambio climático”.

“Para este fin estamos a traballar dende as institucións con iniciativas como a que hoxe comprobamos en Vila de Cruces”, engadiu solicitando a colaboración cidadá neste senso, xa que apoiar o aforro enerxético “non significa renunciar á calidade de vida, senón usar os recursos de xeito máis adecuado, reciclar e apostar por produtos menos contaminantes”.

5 de marzo de 2014 | 20:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.