publicidade hoxe

Cores Tourís reúnese co alcalde do Grove para coñecer as demandas educativas do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO GrovePontevedra
A-
A+
Cores Tourís na reunión co alcalde do Grove

Cores Tourís na reunión co alcalde do Grove

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co alcalde de O Grove, Miguel Pérez, co obxectivo de analizar as demandas educativas do municipio meco para o presente ano.

Na reunión estiveron tamén presentes o xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares, así como a concelleira do ramo de O Grove, Laura Besada.

Ambos responsables apostaron, durante a reunión, por continuar a manter a mesma colaboración económica entre as dúas administracións para garantir a execución de melloras nos diversos centros educativos do municipio meco. “Deste xeito, continuaremos a optimizar e priorizar obras nos colexios de O Grove grazas a boa sintonía entre Xunta e administración local”, explicou Cores Tourís.

O delegado territorial destacou os case 700.000 euros investidos dende 2009 ata a actualidade tanto nos centros educativos de Primaria como de Secundaria deste concello. En concreto, durante estes anos, executáronse melloras no CEIP As Bizocas, onde se levou a cabo o peche exterior do centro e a reposición do pararraios, así como melloras nas tubaxes, nos aleros e na instalación eléctrica. No caso do Rosalía de Castro, tamén se mellorou o seu sistema eléctrico, así como o depósito de gasóleo, as tubaxes de auga, a sala de caldeiras e se repuxeron os aseos, reformándose tamén as aulas de infantil e executándose unha nova cuberta no ximnasio. Finalmente, no CEIP Valle Inclán, reformáronse os sistemas de calefacción e instalación eléctrica, ao igual que no Conmeniño, onde, a maiores, se repuxo a cuberta do patio.

En Secundaria, destacar a reforma da carpintería interior do IES Monte da Vila, onde tamén se executaron melloras nos vestiarios, na cuberta, nas nos accesos ao ximnasio e na instalación eléctrica e no seu saneamento, así como a reposición das portas exteriores do ximnasio do IES As Bizocas.

A maiores, a Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, a través da Xefatura Territorial, estudará, a petición do concello, a autorización de uso dunha vivenda de mestres do Rosalía de Castro co obxectivo de que poida destinarse á ANPA deste centro.

Por outra banda, a Xefatura Territorial de Educación trasladou ao alcalde de O Grove a decisión de enviar ao municipio, a próxima semana, aos inspectores de Transporte co obxectivo de que se comproben as denuncias presentadas por varios pais pola falta de cumprimento dos horarios dos autobuses escolares. “Algunhas familias”, explicou Miguel Pérez, “aseguran que os autobuses non chegan con puntualidade ao lugar de recollida dos nenos”.

Finalmente, a administración autonómica tamén asumirá a demanda do concello para a posta en marcha do protocolo de Absentismo Escolar en O Grove. “Consideramos que se trata dunha demanda moi importante”, explicou Cores Tourís, “xa que estamos a falar dun protocolo que está a funcionar con moito éxito na maioría dos concellos da provincia que o puxeron en marcha”.

20 de marzo de 2014 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.