publicidade hoxe

Cores Tourís comproba en Mondariz as obras do plan de Calidade 2013 na comarca do Condado e A Paradanta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMondarizPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Mondariz

Cores Tourís na visita a Mondariz

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o Concello de Mondariz para, en compaña do alcalde da localidade, Julio Alén, analizar as obras desenvolvidas dentro do Plan de Calidade 2013 na comarca do Condado e A Paradanta, que permitiron a posta en marcha de varios proxectos de mellora da calidade do subministro eléctrico de diversas parroquias dos municipios de Mondariz, Covelo e Ponteareas.

Nesta visita, o delegado territorial da Xunta estivo acompañado polo alcalde do municipio, Julio Alén, xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como por Adolfo Álvarez e Edgar Mosquera, representantes da empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía, encargada de varios destes traballos de mellora.

José Manuel Cores Tourís recordou que o Plan de Calidade 2013 ten coma obxectivo apoiar as empresas do sector para que executen as obras necesarias que solucionen os problemas de calidade no servizo. “O plan leva aparellados uns investimentos de 19 millóns de euros para toda a comunidade autónoma, dos cales a Xunta de Galicia achega o 30%”, explicou o delegado territorial. “Deste xeito, o obxectivo final, é mellorar a calidade e a garantía do subministro, especialmente no rural galego e en concellos como o de Mondariz onde hoxe nos atopamos”.

O responsable da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra matizou que “dende a administración autónoma queremos apostar por dignificar e mellorar a vida no rural, por eso apostamos por este tipo de empresas, como Central Eléctrica Sestelo, que colaboran en potenciar o subministro eléctrico nas parroquias”.

De feito, Adolfo Álvarez, recoñeceu que “sen axudas como estas do Plan de Calidade sería imposible manter o servizo no rural en perfectas condicións, porque non sería rentable para as empresas xa que estamos a falar de núcleos de poboación reducida”.

En total, beneficiáronse destas obras cerca de 2.800 veciños do rural dos concellos de Ponteareas, Mondariz e Covelo. O investimento durante o 2013 está a ser de 1.156.525 euros, dos cales a Xunta de Galicia aportou 350.000 euros para obras realizadas dentro do plan de calidade.

En total, dende 2009, Central Eléctrica Sestelo realizou inversións por cerca de 8,2 millóns de euros para mellorar o subministro eléctrico da súa área de distribución (Ponteareas, Covelo e Mondariz).

En relación a Mondariz, as obras de mellora da calidade do subministro eléctrico realizáronse nas parroquias de Riofrio, Sobradelo, O Ceo e Vilasobroso. Ademais, na parroquia de Lougares actuouse en Santabaia, O Couto e Piñoi.

Estas infraestruturas consistiron na instalación de novos centros de transformación en zonas nas que os que veñen prestando servizo se atopan lonxe dos consumos, o que orixina que, en certos momentos se atopen ao límite dos niveis permitidos de caída de tensión, e que se vían comprometidos polos crecementos da demanda ou a conexión de novos subministros á rede.

En total, investíronse case 750.000 euros en melloras do subministro eléctrico na localidade de Mondariz, beneficiándose un total de 231 familias.

Como exemplo do executado, Cores Tourís explicou o caso do lugar de Aldeana, na parroquia de Sobradelo onde se instalou un novo transformador e se reformou a liña de baixa tensión, “xa que anteriormente”, segundo matizou o delegado territorial, “esta zona recibía o subministro dende o transformador da parroquia de Meirol”. Outras actuacións importantes foron tamén as de O Couto, onde se instalou unha liña de media tensión en parte aérea e en parte soterrada para darlle continuidade a dúas liñas situadas en Mondariz e Covelo. “En Vilasobroso, por outra banda”, engadiu Cores Tourís, “tamén se levou a cabo unha obra importante coa instalación dunha nova caseta de baixa con saída a dúas liñas e a instalación dun transformador para alimentar ao barrio máis próximo ao lugar de A Pena”.

Pola súa banda, o alcalde da localidade, Julio Alén, agradeceu a colaboración da Xunta para a execución destas obras “que melloran o servizo eléctrico a moitos veciños”.

10 de marzo de 2014 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.