Cores Tourís comproba a actividade da empresa Fundiciones Rey de Vilagarcía de Arousa

Cores Tourís na visita a Fundiciones Rey
O delegado Territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, en compaña do alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole, a empresa Fundiciones Rey que este ano cumpre os seu 70 aniversario de existencia.
Durante esta visita, o delegado territorial estivo acompañado polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como polo director comercial de Fundiciones Rey, Elías Cochón, o director financeiro da empresa, Andrés Rey, e o xerente, Luis Rey.
A firma arousana conta con 46 traballadores, 37 deles destinados a produción, e unhas instalacións de 4.000 metros cadrados situadas en Rubiáns. Ademais, a súa facturación supera os 5 millóns de euros anuais.
Dende a súa fundación en 1944, dedícase á fundición de produción tradicional e as novas técnicas industriais. “Levamos moitos anos desenvolvendo unha simbioses de ambos modelos de traballo o que nos permite potenciar de xeito significativo as características propias das pezas de fundición”, explicou Luis Rey.
En total, fabrican ao ano 3.000 toneladas de materiais, tanto en ferro gris coma nodular, así como en aceiro, aluminio e bronce. As pezas que executan destínanse á industria naval, química, papeleiras, ferramenta, ascensores, camións e maquinaria de obras públicas, cementeiras e minería. Conta con dous fornos de indución, un forno rotativo e tres fornos de gas para bronce e alumnio.
Fundiciones Rey aposta tamén pola posta en marcha de proxectos de Innovación e Desenvolvemento. Nestes intres, acaba de presentar un proxecto destas características, en colaboración coas universidades, dentro da liña Innterconecta da Axencia Galega de Innovación.
Os seus principais clientes son firmas como Svenska Bearing, Acerlor Mittal, Navantia, Cedervall España, Juaristi, Sulzer Pumps ou Goratu, entre moitas outras.
Ampliación no Pousadoiro
Durante a súa visita á firma arousana, os responsables da mesma destacaron a súa intención de levar a diante unha ampliación da súa nave no Pousadoiro, xa que neste lugar a empresa conta cunha parcela de 8.000 metros cadrados.
A ampliación executaríase nun prazo de dous anos, e aproveitaron a visita do delegado territorial para analizar as vías de financiamento coas que conta a Xunta de Galicia para este tipo de iniciativas.
Tanto o delegado territorial como o alcalde de Vilagarcía, destacaron durante a súa visita a súa satisfacción porque Arousa, e en concreto, a capital da comarca, conten con empresas “que en momentos tan difíciles como este”, segundo matizou Tomás Fole, “están a traballar por ampliar as súas instalacións”. O rexedor aproveitou para ofrecer a súa “total colaboración” coa empresa “en todo o que precisen para este fin”.
A ampliación que propón a empresa é necesaria, tal e como apuntaron os seus responsables, “para fundir pezas de máis de 8 toneladas e ata 20 para o naval, a minería e a maquinaria-ferramenta”. Precisamente, esta última é unha nova liña de negocio “coa que acabamos de comezar a traballar”, explicou Andrés Rey.











