Coque Malla actuará no Jofre de Ferrol no que será o seu único concerto en Galicia
A Concellería de Cultura do Concello de Ferrol trae o vindeiro sábado, día 22 de marzo, ao Teatro Jofre ao cantante Coque Malla, dentro do ciclo de grandes concertos “Sons do Jofre” elaborado polo departamento que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado. O concerto comezará ás 20.30 horas e a día de hoxe se levan vendidas 260 entradas. Os pases están á venda de maneira anticipada no despacho do Jofre e tamén a través de internet: www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural).
Coque Malla está de xira polos teatros de España co seu espectáculo “Mulleres”. O antigo líder de Los Ronaldos gravou este traballo discográfico o ano pasado e no mesmo o acompañan artistas como Leonor Waltling, Ángela Molina e Annie B.Sweet. Ferrol é a única localidade de Galicia que acolle esta xira de Coque Malla. O público que asista este sábado ao Teatro Jofre escoitará versións en acústico dos mellores temas de Coque Malla, que tamén homenaxeará a grandes músicos da historia do rock acompañado únicamente por un pianista.











