Continúan en Ferrol as actuacións de aglomerado nas rúas Doadores de sangue, Souto e no camiño do Seixo Branco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O servizo municipal de Mantemento de Infraestruturas Viarias do Concello de Ferrol continua con actuacións de aglomerado en diferentes sitios do municipio. O obxectivo fixado pola Concellería de Medio Ambiente e Servizos, que dirixe Borja Carro Muñoz, é acelerar nas próximas tres semanas as tarefas de aglomerado que non se puideron levar a cabo con antelación debido á constante chuvia que persiste neste inverno. A previsión é levar a cabo máis de 60 intervencións, para o que se ten duplicado o número de operarios que se encargan a pé de rúa destas tarefas e ampliado o material técnico dispoñible.

Así as cousas, na xornada de hoxe as cuadrillas de traballo de “Misturas S.A”, empresa adxudicataria deste servizo, leva a cabo actuacións con aglomerado no Camiño do Seixo Branco –na zona de Catabois-, e nas rúas Souto –barrio de San Xoán- e Irmandade Doadores de Sangue, situado no entorno do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol – Arquitecto Marcide. Así mesmo, a estas intervencións se suma a reparación de varios treitos de beirarrúas no barrio de Ultramar, en concreto, hoxe os operarios executan tarefas de reparación nas beirarrúas de Ponzos e Venezuela.

Dende o pasado xoves, primeiro día de bo tempo, o servizo de Mantemento de Infraestruturas Viarias posto en marcha polo Goberno Municipal ten xa actuado con actuacións de aglomerado en: aparcamento da piscina municipal da Malata, rúas Malora e Poeta Pérez Parallé, Costa de Mella / Igrexa, Avenidas do Rei e de Vigo e na praza de Canido.

10 de marzo de 2014 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.